18 de maio de 2025
No último ano, a EMM profundou na súa aposta pola integración da música en clave social, con actuacións do alumnado en residencias de maiores, centros cívicos municipais e tamén con pacientes oncolóxicos
Con máis dun cuarto de século de percorrido, a Escola forma persoas de todas as idades, a partir dos 4 anos
A Escola Municipal de Música avanza xa os preparativos de cara ao vindeiro curso 2025-2026. Tras o peche da renovación de matrículas, este luns 19 de maio abrirase o prazo de preinscrición correspondente á oferta de prazas dispoñibles, unha bolsa de case 200. A meirande parte delas, en idade de 4 a 7 anos.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor "o traballo a escala interxeracional que se leva a cabo na Escola", inaugurada no ano 1998 e que, con máis dun cuarto de século de percorrido, abre a súa formación musical e artística a partir dos 4 anos e sen límite de idade a partir desa franxa.
A directora da Escola, Elena Umbría, fixo fincapé neste aspecto e lembrou que "o feito de que a rapazada e persoas en idade máis avanzada estean na mesma aula ten un impacto moi positivo para todas e todos porque contaxia valores e ilusión e profunda na filosofía que se segue desde a Escola, que é a de integrar a música en toda a sociedade".
Ao abeiro desta proposta, este último ano, o alumnado da EMM desenvolveu actuacións en residencias de maiores, centros cívicos municipais e tamén con pacientes oncolóxicos, "e deulle deste xeito continuidade a esta perspectiva de que a música sexa unha ferramenta social". Esta liña de traballo manterase no vindeiro curso, tal e como confirmou Umbría.
A preinscrición, aberta do 19 ao 23 de maio
O calendario correspondente á oferta de prazas dispoñibles na EMM de cara ao vindeiro curso arrincará este luns 19 de maio, coa apertura da preinscrición, por vía dixital. O prazo estará vixente ao longo da semana, ata o venres 23.
O 2 de xuño publicarase a listaxe das persoas admitidas e será entón cando comece o prazo para formalizar matrícula, ata o 6 de xuño.
As persoas interesadas en consultaren máis información poden facelo presencialmente nas instalacións da Escola (rúa da Torre, 67) ou ben por teléfono, no 981 226 752.
Tamén che pode interesar

20 de decembro de 2025
19 de decembro de 2025

18 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible