13 de maio de 2025
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu o acto de nomeamento celebrado no Palacio Municipal de María Pita
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu esta tarde o acto de nomeamento como membro numerario do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses da escritora e académica Olivia Rodríguez González. Dito acto celebrouse no Salón de Sesión do Palacio Municipal de María Pita e contou coa presenza de Ana Romero Masiá, directora do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses; María de la O Suárez Rodríguez, secretaria-conservadora; e Felipe Senén López Gómez, encargado de pronunciar o discurso de contestación ao ingreso de Rodríguez González.
"Grazas a actos coma este desde o Goberno de Inés Rey confirmamos a boa saúde deste Instituto, básico para afondar na nosa historia e que traballa todo o ano para preservala e dala a coñecer á cidadanía", sinalou Gonzalo Castro, que deu a benvida ao acto a todas as persoas asistentes e impuxo a medalla do Instituto á nova membro, á que tamén lle entregou o diploma acreditativo do seu nomeamento, en representación da alcaldesa e presidenta do Padroado do Instituto, Inés Rey.
Durante a cerimonia, Olivia Rodríguez González leu seu discurso de ingreso, que versou sobre Mariano Tudela e a súa xeración literaria. Tras o discurso de ingreso, Felipe Senén ofreceu unha resposta institucional salientando a traxectoria e méritos da nova numeraria. A cerimonia contou cunha participación aproximada de 60 persoas. "Esta tarde de ingreso académico permítenos tamén lembrar o espírito aberto, crítico e creador de Mariano Tudela e os seus contemporáneos, que traballaron a prol dunha Coruña, faro de Galicia, culta e cosmopolita", sinalou Gonzalo Castro.
Sobre Olivia Rodríguez González
Olivia Rodríguez González é historiadora especializada en patrimonio cultural e memoria urbana. Cunha ampla traxectoria investigadora, desenvolveu diversos proxectos de estudo e divulgación sobre a historia da Coruña e a súa evolución como cidade atlántica. Ademais, é autora de numerosas publicacións e artigos centrados na protección e valoración do legado histórico coruñés. "Dona Olivia representa pra nós ese saber, ese sentir e esa liberdade que sosteñen e proxectan a nosa cultura no tempo. Renovamos hoxe, da túa man e coa inspiración dos teus mestres e da túa estirpe intelectual, outro día máis, o compromiso da Coruña co coñecemento, coa memoria e coa liberdade, na cultura", apuntou Castro.

20 de decembro de 2025
19 de decembro de 2025

18 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible