Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de maio de 2025

A Fundación Luis Seoane acolle desde o 29 de maio unha exposición sobre unha das coleccións de arte xaponés máis importantes do país

A mostra ‘Arte e guerra. Geishas e samuráis no antigo Xapón’ poderase visitar de balde ata o 7 de setembro

Do 29 de maio ao 7 de setembro, a Fundación Luis Seoane acollerá a exposición 'Arte e guerra. Geishas e samuráis no antigo Xapón', un proxecto comisariado por Ferrán López Alargada, presidente da Federación Española de Anticuarios, que reúne unha selección de obras pertencentes a unha das coleccións de arte xaponés máis importantes do noso país. "Desde o Goberno de Inés Rey promovemos a chegada á nosa cidade de importantes mostras coma esta, que recalará nun dos espazos culturais de referencia a nivel galego", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A mostra, impulsada polo Concello da Coruña, ofrece un panorama completo sobre a vida xaponesa do século XIX a través dun conxunto de pezas significativas como os gravados ukiyo-e ou estampas do mundo flotante, fotografías de época, armaduras e kimonos tradicionais e unha serie de obxectos diversos, xunto cun apartado dedicado á Gran ola de Kanagawa de Katsushika Hokusai, quizais a representación máis célebre deste período. 

En total, máis de cen obras seleccionadas polo comisario da mostra agrupadas en seis secciones: Teatro, Geisha, Shunga. As imaxes de primavera; Netsuke, kakemono e fotografías de época; Cultura de Guerra e Samuráis. 

Teatro

A exposición ábrese cos ukiyo-e, estampas realizadas coa técnica da xilografía, un prodecemento de impresión en relevo de orixe chinesa que se remonta ao período Han (206 a.C. - 220 d.C.) e que se introduciría no Xapón ao redor do século VII d.C.  Os ukiyo-e popularizáronse durante o período Edo (1603-1868) en versión sumi, só en negro; logo as imaxes sería coreadas a man en vermello e laranxa, máis tarde en verde, amarelo e rosa e finalmente, cara mediados do século XVIII, a todo cor como nishiki-e, literalmente 'estampas brocado'. 

Dentro dos ukiyo-e destacan os que representan escenas do Nō, o teatro clásico de Xapón, reservado nos seus comezos á aristocracia; e os relacionados co teatro kabuki, termo que podería traducirse como 'desviar' ou 'transgredir'. Xurdido da cultura chonin, é a versión popular do Nō, e unha das expresións artísticas máis significativas do período Edo. As representacións inspirábanse na vida de prostitutas e bailarinas de baixo rango e nos ronin ou samuráis sen señor, e os actores que os interpretaban eran auténticos heroes populares.   

Geisha

A representación da figura feminina foi extensa dentro da produción dos artistas do ukiyo-e, un auténtico reclamo para plasmar a esencia da nova sociedade, as modas, a beleza idealizada e a sensualidade, a graza e a opulencia.  

As geishas eran artistas, bailarinas e intérpretes de instrumentos, non prostitutas. Poéticamente denominadas no Xapón 'bolboretas da noite' constituíron unha auténtica profesión de refinadas anfitrionas-entretedoras, expertas na arte da conversa.  Vestían elaborados kimonos, que significa 'o que un usa' ou 'o que un leva sobre os ombreiros', unha prenda tradicional utilizada indistintamente por homes e mulleres. Nesta sección, o público poderá ver ademais obxectos de uso cotián como peines, abanos, espellos ou perrucas. 

Shunga. As imaxes da primavera 

Este apartado aborda o shunga ou imaxes da primavera, coñecidas tamén na época como makuraee, imaxes da almofada, e warai-e. Trátse dun xénero destacado na produción ukiyo-e no que se recollen estampas de temática erótica, moi diferentes ás súas equivalentes occidentais da época, que adoitaban ser de carácter máis licencioso. 

Estas representacións son comúns na produción dos grandes mestres da arte xaponesa, e revelan unha concepción do erotismo extremadamente sutil. Existe nelas unha especie de codificación simbólica da vida e, polo tanto, das actividades sexuais, onde donde prevalece o énfase «expresionista» e mesmo a caricatura.

Netsuke, kakemono e fotografías de época

Na exposición poderanse ver varios exemplares de netsuke ou raíz para suxeitar, un accesorio imprescindible no vestido tradicional xaponés que utilizaban e seguen utilizando en determinados actos homes, mulleres e nenos. Dado que o kosode ou kimono carece de petos, no S. XVII inventáronse estas prácticas pezas, consistentes "nun contrapeso que, unido por un cordón a un obxecto, serve para que este poida ser colgado do cinto ou obi, e ademais non se deslice". Deste xeito, era posible levar moedas, tabaco, un estoxo para pincel e tinta, etc.

O kakemono, literalmente "colgante" é outro tipo de soporte en papel ou seda no que se representaban imaxes ou escritura, un elemento que pón de manifesto a busca incesante do equilibro nos espazos interiores propio da cultura xaponesa. 

Tamén nesta sección abordarase a importancia da fotografía á hora de documentar a desaparición dun mundo, tal e como recollerá o fotógrafo italiano Felice Beato, considerado o pai da fotografía xaponesa, xunto con outros artistas occidentais que interesaron pola cultura e a sociedade xaponesas.  

Cultura de guerra

O protagonista desta sección é o musha ou guerreiro tribal, arquetipo de heroe solitario, líder no campo de batalla, esteta, gardián da paz e defensor do poder aristocrático.  Co paso dos séculos, transformarase na figura do samurái, que significa 'o que serve', representación heroica e mítica da tradición guerreira do Xapón construída sobre a base dunha continua transposición de historia e lenda. 

Samuráis

O guerreiro xaponés sempre antepuxo a súa axilidade en combate a calquera forma de protección que puidera minguala. A propia conformación da antiga armadura xaponesa, da que se poderán ver na mostra varios exemplos, favoreceu esta característica: a súa estrutura laminar (armadura tipo dō-maru), a calidade do material e o seu grosor excesivo proporcionaban unha defensa válida contra as armas lixeiras e unha protección menor, suficiente contra os ataques directos (golpes de pica ou cortes de espada), que ao mesmo tempo garantía ao guerreiro a axilidade necesaria para defenderse correctamente. 

Esta tipoloxía de armaduras mantívose basicamente intacta ao longo do tempo, con lixeiras adaptacións a medida que variaban as tácticas de combate, ata a introdución das armas de fogo nos séculos XVI e XVII, cando a imperativa necesidade de reforzar a protección persoal do samurái fixo abandonar a armadura laminar pola armadura de placas ou tosei-gusoku.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión