23 de abril de 2026
A competición celebrarase do 24 ao 26 de abril no Pazo dos Deportes de Riazor
O Concello da Coruña acolleu esta mañá no Palacio Municipal de María Pita a presentación oficial da Karate 1-Series A, unha das principais citas do circuíto mundial de karate, que se celebrará na cidade entre os días 24 e 26 de abril.
No acto participou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, encargado de dar a benvida institucional e de poñer en valor a relevancia de que A Coruña continúe a acoller competicións deportivas de primeiro nivel internacional.
A presentación contou tamén coa intervención do deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; da deportista galega do equipo nacional Ruth Lorenzo; do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García Fernández; e do presidente da Real Federación Española de Kárate, Antonio Moreno, que foi o encargado de pechar o acto .
Un evento de referencia internacional
A Karate 1-Series A reunirá na Coruña a preto de 1.300 deportistas de categoría absoluta procedentes de 85 países, ademais de centos de adestradores, árbitros e persoal técnico, o que supón a mobilización de miles de persoas vinculadas ao evento e arredor de 4.000 persoas no seu conxunto, incluíndo acompañantes .
A competición terá lugar no Pazo dos Deportes de Riazor ao longo de tres xornadas, nas que se celebrarán as finais e as entregas de medallas, previstas para as noites do venres, sábado e domingo .
A Karate 1-Series A forma parte dun circuíto internacional con só catro sedes en 2026, o que reforza o posicionamento da Coruña no calendario mundial desta disciplina. Ademais da competición, o evento incluirá actividades complementarias de carácter formativo dirixidas a deportistas e persoal técnico.
A Coruña, referente na organización de grandes eventos deportivos
A celebración desta proba consolida a cidade como sede de eventos internacionais de karate, tras o éxito das competicións organizadas en anos anteriores, que situaron á Coruña no circuíto mundial desta disciplina .
Neste sentido, Manuel Vázquez destacou o compromiso do Goberno municipal coa promoción do deporte como ferramenta de proxección exterior e dinamización económica, subliñando o impacto positivo que este tipo de eventos ten na cidade.

30 de xaneiro de 2026

24 de xaneiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible