16 de marzo de 2016
O Ágora acolle mañá xoves, ás 19.30 horas, unha conferencia aberta ao público sobre dereitos e deberes dos e das propietarias de mascotas.
A concelleira María García destaca a "aposta pola formación continuada, dentro das políticas de mellora da convivencia na cidade entre persoas e animais".
A Concellería de Medio Ambiente ofrecerá este venres unha sesión formativa sobre prevención e loita contra o maltrato animal e o abandono, que se enmarca, como destaca a responsable municipal desta área, María García, "dentro das políticas de mellora da convivencia entre as persoas e os animais na cidade, e da protección destes últimos ante casos de violencia e sufrimento". O curso, dirixido aos membros da Patrulla Verde da Policía Local e aberto a persoal do 092 e do servizo de Medio Ambiente, estará impartido pola avogada especialista en Dereito de Benestar Animal Raquel López Teruel, quen ofrecerá unha explicación sobre a lexislación administrativa e penal ao respecto, e fará unha exposición de casos prácticos reais, así como outras cuestións relativas ao delito de maltrato, o uso de velenos, o abandono ou extravío, ou as actuacións ante animais feridos e de prevención. Unha trintena de profesionais municipais recibirán a formación.
Como salienta a concelleira de Medio Ambiente, a convivencia da cidadanía con animais é un dos campos de actuación da Patrulla Verde, cuxo cometido diríxese a "velar polo ben común baixo criterios de sostibilidade" e que tamén ten competencias no control de residuos nas rúas e limpeza viaria ou a contaminación acústica. Neste sentido, García salientou a aposta do Goberno local por esta unidade, que viu duplicados os seus efectivos xa a finais do ano pasado, e pola coordinación do traballo da área de Medio Ambiente e de Seguridade Cidadá, así como pola "formación continuada" da mesma.
Á sesión informativa específica para a Patrulla Verde, e que foi ampliada a outros servizos municipais, únese, mañá xoves, ás 19.30 horas, no Ágora, unha conferencia aberta a todo o público e con entrada libre impartida pola mesma especialista en Dereitos de benestar Animal, que leva por título "Tenencia responsable de animais e convivencia na cidade", sobre dereitos e obrigas dos e das propietarias de mascotas, e que tamén está organizada desde a Concellería de Medio Ambiente.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible