14 de marzo de 2022
A mostra ‘Tempos’, impulsada polo Concello da Coruña, inaugúrase este martes 15, ás 19.30 horas, e poderá visitarse ata o 8 de maio
A Sala de Exposicións do Pazo Municipal de María Pita acollerá, desde este martes 15 de marzo, a mostra 'Tempos', da pintora galega María Luisa Rojo-Novais Grandío, Novais, unha muller de recoñecida traxectoria artística e autora de múltiples exposicións a nivel nacional e internacional.
Novais, oriúnda da Ponte do Porto (Camariñas), estudou na Escola Superior de Artes Pablo Picasso e forma parte da Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA) e da Asociación de Artistas da Coruña. Esta nova exposición, 'Tempos', impulsada polo Concello, chega dez anos despois de que Novais levase a cabo unha mostra individual noutra sala municipal, a da Casa Casares Quiroga. Desde entón, a súa presenza en exposicións tanto individuais como colectivas foi constante, na cidade da Coruña e o resto de Galicia e España, tamén en países como Francia e Portugal.
Nesta ocasión, o Pazo Municipal de María Pita ábrese á cidadanía para amosar os últimos traballos de Novais. Concretamente, 30 pezas. 'Tempos' abrangue, cronoloxicamente, as pezas elaboradas pola artista camariñá desde o ano 2018 ata a actualidade, especialmente entre os anos 2019 e 2021. É unha obra tematicamente moi variada, complexa e extensa, dunha plasticidade baseada nunha paleta de cores moi potente e grandes contrastes, coa súa estrutura caracterizada por unha liña dinámica.
A exposición amosa o carácter próximo de Novais, con pezas que amosan o seu compromiso co mundo no que vive. Froito desta perspectiva naceron obras como Facianas da pandemia (2021), Danza na Coruña (2021) e Pintando o mundo (2021). Todas estarán expostas na Sala de Exposicións do Pazo Municipal de María Pita.
A exposición, ata o día 8 de maio con entrada de balde
A nova mostra de Novais, que se inaugurará este martes 15 (19.30 horas), estará aberta á cidadanía ata o día 8 de maio, todos os días en horario de mañá (12.00 a 14.00 horas) e de tarde (18.00 a 21.00 horas). A entrada será de balde.

14 de decembro de 2025

2 de decembro de 2025

2 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible