Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de marzo de 2023

A plataforma Coruña eFilm ofrece en streaming e de xeito gratuíto ata 10.000 películas, series e documentais aos socios das bibliotecas municipais

As persoas usuarias poderán coller prestadas cada semana dúas películas ou capítulos de serie e revistas de todo o mundo

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá na biblioteca do Centro Sociocultural Ágora a plataforma Coruña eFilm, unha ferramenta en liña que permite ás persoas usuarias das bibliotecas municipais coruñesas acceder e visualizar un catálogo con máis de 10.000 títulos audiovisuais, entre películas, documentais, series e revistas.

Esta plataforma de streaming promovida polo Concello é de balde e "revolucionará o préstamo de películas e series nas nosas bibliotecas", tal e como asegurou a rexedora. O catálogo é amplo e variado, contando cunha gran selección de obras galegas e en galego. Cada persoa usuaria poderá coller prestadas dúas películas ou dous capítulos de series á semana.

Coruña eFilm está dispoñible en todos os dipositivos a través da súa páxina web e adáptase perfectamente a un teléfono, unha tableta ou unha televisión Smart TV. "Para O Concello e as Bibliotecas Municipais da Coruña, a posta en marcha deste servizo supón manter o compromiso cos seus usuarios e usuarias de cara a ofrecer unha colección actualizada e dinámica, adaptada ao presente e que cubra todas as necesidades de información, formación e lecer posibles", sinalou Inés Rey.

Como funciona

O acceso á plataforma é a través da páxina web coruna.efilm.online. Unha vez iniciada sesión, pódese coller prestada calquera película do catálogo, sempre que se cumpra o requisito de idade que marca o carné da biblioteca. Todo o contido de Coruña eFilm está organizado baseándose en xéneros e listaxes pensadas para acceder a aquilo que se adapte mellor aos intereses do usuario ou atopar as últimas novidades así como suxestións que permiten achegarse a títulos descoñecidos para o gran público.

Coruña eFilm ten un buscador integrado no que se pode procurar unha película ou serie concreta por título, dirección ou reparto. Todas as películas contan cunha ficha técnica para informar os usuarios e usuarias sobre elas e tamén existe a opción de gardalas para visualizalas máis tarde.

Unha vez seleccionado o filme, pódese escoller o idioma e os subtítulos cando están dispoñibles. Poderase pausar a reprodución e retomala en calquera momento desde o mesmo punto. A película estará dispoñible entre 48 e 72 horas, segundo o tipo de alugueiro. No caso das revistas, non hai límite de visualización e pódense filtrar por xénero, país e idioma.

Os usuarios das bibliotecas poden, desde hoxe mesmo, facer uso da nova plataforma dixital.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión