Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de abril de 2018

A praza de María Pita acolle a exposición ‘A Forza Necesaria’, mostra que recolle a historia da Coruña obreira e que foi restaurada tras o ataque vandálico que sufriu o pasado ano

A mostra, que volve colocarse nun espazo aberto a toda a cidadanía con motivo do Primeiro de Maio, estará visible até o día 13

A praza de María Pita acollerá desde este sábado a exposición a ceo aberto A Forza Necesaria, obra de Pepe Barro que rememora a historia do movemento obreiro na Coruña e que estará accesible á cidadanía até o vindeiro 13 de maio. O acto contará coa participación do concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen indicou que co motivo do Primeiro de Maio a súa área de goberno decidiu recuperar esta exposición que acadou un gran éxito o ano pasado e que foi froito dun ataque vandálico. "Esta mostra é a memoria da Coruña obreira, é o reflexo dunha realidade que quedou no esquecemento para moitos. A nosa cidade loitou e loita polo traballo digno e foi un referente histórico no movemento sindical. Esta é a cidade das Cigarreiras e dos Mártires da Coruña. Esta mostra, de contido pedagóxico e histórico é necesaria, por iso a volvemos a poñer diante da cidadanía e por iso vimos de restaurar as partes que foron obxecto, o pasado ano, dun ataque vandálico", dixo o representante municipal.

A obra sobre o movemento obreiro na cidade está contada en taboleiros de gran formato impresos sobre madeira. O relato se estrutura en cinco capítulos a través dunha selección de 150 imaxes que proceden de distintos arquivos públicos.

Por outro lado, e con motivo da próxima celebración do Primeiro de Maio, o concelleiro de Emprego reivindicou "a necesaria derrogación, por parte do goberno do Estado, de todas as normativas que serviron para precarizar o emprego, para abaratar o despedimento e dar máis facilidades para iniciar expedientes de regulación de emprego aínda que unha empresa dea beneficios". "Así mesmo é necesario que o goberno central, dunha vez por todas, rectifique e modifique as normativas que afogan as Concellos e limitan a súa contratación e investimentos", engadiu.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión