28 de abril de 2017
O alcalde inaugurará a mostra a ceo aberto, obra do artista coruñés Pepe Barro, este domingo, véspera do Primeiro de Maio
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, inaugurará este domingo, a mostra 'A forza necesaria', unha exposición a ceo aberto que poderá visitarse até o día 15 de maio na Praza de María Pita e que repasa a traxectoria histórica da cidade da Coruña na defensa dos dereitos laborais, o sindicalismo e o movemento obreiro. Impulsada pola Concellería de Emprego e Economía Social, de Alberto Lema, a mostra, que se dará a coñecer un día antes da celebración do Primeiro de Maio, é obra do autor coruñés Pepe Barro. A obra sobre o movemento obreiro na cidade está contada en taboleiros de gran formato impresos sobre madeira. O relato se estrutura en cinco capítulos a través dunhs selección de 150 imaxes que proceden de distintos arquivos públicos.
En concreto a exposición conta con material que provén dos fondos do Arquivo Municipal da Coruña, do do Reino de Galicia, da Real Academia Galega, o Arquivo Histórico Universitario da USC e a Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela. Ademais, entre as entidades que colaboraron na creación desta obra se atopan tanto a Fundación 10 de Marzo como a Fundación Luís Tilve, a Fundación Moncho Reboiras, a Unión Anarcosindicalista da Coruña e o Proxecto Nomes e Voces.
O concelleiro Lema destacou a importancia dunha mostra coma esta "nun momento marcado pola precarización das condicións laborais a nivel global". "A Coruña é unha cidade orgullosa, e tamén unha cidade que loitou e loita polo traballo digno. Así o facemos dende o Concello da Coruña con todas as escasas ferramentas que se lle permiten neste sentido ás Administracións Locais", dixo Lema, quen reivindicou a importancia de que dende o Goberno central "se derroguen leis que só afondan na fenda salarial e que permiten que unha empresa poida botar xente á rúa aínda dando beneficios con tan só unha previsión de resultados negativa".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible