Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de marzo de 2025

A proposta oficial do INE sitúa a poboación da Coruña en 251.481 habitantes, a cifra máis alta desde os anos 90

A cidade consolídase como un referente urbano para vivir, traballar e emprender, cun modelo que retén talento e xera oportunidades

A proposta oficial de cifra de poboación do Instituto Nacional de Estatística (INE), referida ao 1 de xaneiro de 2025, sitúa a poboación da cidade da Coruña en 251.481 habitantes, co que se supera o limiar dos 250.000 por primeira vez en máis de dúas décadas e se acada así a maior cifra demográfica desde os anos 90.

A alcaldesa, Inés Rey, valorou este dato como "un fito que reflicte a vitalidade e a capacidade de atracción dunha cidade que medra en oportunidades, crea emprego, retén talento e continúa ampliando o seu parque residencial".

Segundo os rexistros do INE, a Coruña vén experimentando un crecemento continuo da súa poboación nos últimos cinco anos, o que supón un cambio de tendencia respecto ao estancamento que marcara anos anteriores. A cifra proposta para 2025 representa un incremento de 2.220 persoas respecto á cifra oficial correspondente ao 1 de xaneiro de 2024 (249.261 habitantes).

Evolución da poboación da Coruña

No documento descargable na parte inferior desta nova móstrase un gráfico coa evolución da poboación da cidade da Coruña entre os anos 2015 e 2024, segundo os datos do INE (Padrón continuo a 1 de xaneiro), incluíndo a proposta de cifra oficial para 2025. Durante os anos 2015 a 2018 obsérvase un estancamento arredor dos 244.000 habitantes. A partir de 2019 prodúcese un cambio de tendencia cun aumento sostido da poboación, que se ve momentaneamente interrompido nos anos seguintes debido ao impacto da pandemia, o descenso da natalidade e os axustes administrativos no padrón. Con todo, a cidade retoma con forza esa dinámica de crecemento e alcanza un récord histórico: máis de 249.000 habitantes en 2024 e 251.481 na proposta oficial do INE para 2025, a cifra máis elevada das últimas décadas.

O dato de 2025 refírese á proposta oficial do INE, pendente de aprobación definitiva polo Consello de Empadroamento e o Goberno.

Un crecemento con impacto positivo

O incremento da poboación tradúcese tamén en beneficios directos para a cidade, como unha maior asignación nos fondos de participación nos ingresos do Estado (PIE), que se reparten en función do número de habitantes. Ademais, este crecemento demográfico reforza o posicionamento da Coruña como motor económico de Galicia, con impacto no emprego, na actividade empresarial e nos servizos.

Ao mesmo tempo, consolídase o papel da Coruña como referente na súa contorna metropolitana, que gaña peso á hora de liderar proxectos compartidos en mobilidade, infraestruturas ou planificación urbana. Este incremento poboacional fortalece tamén a súa capacidade para acceder a fondos europeos, influír na estratexia territorial e mellorar a súa posición no mapa institucional, onde a dimensión demográfica é un factor clave.

A cidade presenta, a día de hoxe, as súas cifras de desemprego máis baixas desde os anos 90, cunha taxa que descendeu por debaixo do 10%, segundo datos do Observatorio Municipal de Emprego. Este contexto favorable acompáñase da ampliación do parque de vivenda pública e da consolidación de proxectos estratéxicos como a Cidade das TIC, a implantación da AESIA ou a transformación da fachada marítima. 

"O noso compromiso é que este crecemento sexa sostible e inclusivo", sinalou Inés Rey. "Estamos a construír unha cidade atractiva, moderna e cohesionada, que ofrece oportunidades e calidade de vida", engadiu.

Un modelo urbano que retén e atrae poboación

No documento descargable na parte inferior desta nova, móstrase un gráfico coa evolución da poboación da cidade da Coruña entre os anos 2015 e 2025, segundo os datos oficiais do INE (Padrón continuo a 1 de xaneiro) e a proposta de cifra oficial para o ano 2025. Durante o período comprendido entre 2015 e 2018 obsérvase unha lixeira oscilación arredor dos 244.000 habitantes. A partir de 2019 iníciase unha tendencia de crecemento máis marcada, que se consolida nos últimos anos, superando os 249.000 habitantes en 2024 e alcanzando a cifra provisional de 251.481 habitantes na proposta oficial do INE para 2025.

"O reto dos 250.000 xa está superado. Agora toca consolidar ese crecemento executando o Orzamento do 2025, que permitirá mellorar servizos e infraestruturas públicas", concluíu Inés Rey.

Documentos:

Descarga aquí o gráfico da evolución da poboación da Coruña (2015–2025) (143 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión