Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de xuño de 2024

O Obelisco gañará presenza como elemento central e a peonalización de Entrexardíns exercerá de entrada aos peiraos

A reurbanización dos Cantóns achegará 9.500 metros cadrados de uso peonil e configurará a nova porta de acceso aos espazos portuarios

Inés Rey: “Este é un proxecto de cidade, pois esta é a nosa porta de entrada e a sala de estar de todos os coruñeses e coruñesas”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá o proxecto definitivo de remodelación da contorna dos Cantóns, entre Juana de Vega e a Autoridade Portuaria. Esta actuación será a fase cero da integración portuaria na cidade e "fará resplandecer de novo un dos espazos públicos máis queridos da Coruña", tal e como apuntou a rexedora. Rey estivo acompañada pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, á que lle agradeceu a colaboración da Xunta na actuación tras o encontro mantido no mes de maio co seu presidente, Alfonso Rueda.

O proxecto de reurbanización foi explicado en detalle polos seus redactores, Xosé Manuel Vázquez Mosquera e Carmen Calatayud Romero. A actuación busca adaptar os Cantóns á redución do tráfico motorizado e ás condicións da Zona de Baixas Emisións, mellorando a continuidade peonil entre a rúa Real e a praza de Lugo e recuperando o vínculo e a proximidade ao Porto e aos xardíns de Méndez Núñez.

O proxecto presentado no día de hoxe deberá ser aprobado por Patrimonio da Xunta de Galicia antes de ser licitado e adxudicado. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou na súa intervención a relevancia do proxecto e salientou a colaboración da Xunta de Galicia para a súa posta en marcha. Unha vez rematado este proceso, o prazo de execución será de 24 meses. O orzamento base ascende a 8 millóns de euros.

Novas peonalizacións e tráfico rodado

A nova configuración dará carácter permanente á instaurada a raíz da pandemia, cun carril de circulación por sentido, beirarrúas máis amplas e un novo carril bici bidireccional que transcorrerá en paralelo cos xardíns de Méndez Núñez. A reforma consolidará e achegará un total de 9.500 metros cadrados de uso peonil. "Remodelaremos de forma integral a porta de entrada ao centro da cidade para adecuala á nova realidade da mobilidade urbana e sostible", indicou Inés Rey.

Ademais, levarase a cabo a peonalización da rúa Entrexardíns e trasladarase a parada do transporte metropolitano á rúa Alcalde Manuel Casás, xunto ao Teatro Colón. "É unha actuación clave para recuperar o vínculo e a proximidade co Porto, con Entrexardíns exercendo de entrada central e natural da cidadanía aos peiraos de Batería e Calvo Sotelo", indicou a alcaldesa. Ademais de Entrexardíns, tamén se peonalizará o treito de Santa Catalina entre Durán Loriga e os Cantóns, cambiando o sentido do resto da rúa en dirección a San Andrés. Como alternativa a ese cambio habilitarase un xiro á esquerda na praza de Mina para os vehículos que veñen da rúa Juana de Vega.

Esta situación suporá modificacións no percorrido das liñas 3 e 7 do transporte urbano, que pasarán a empregar ese xiro á esquerda. As paradas de autobús manteranse, con pequenos axustes para mellorar a súa accesibilidade, e todas contarán cunha ampla marquesiña con aparcadoiros de bicicletas cubertos. Por outra banda, as paradas de taxi do Cantón Grande e de Correos manteranse.

Mellora dos traxectos peonís e ciclables

O proxecto mellora o tránsito peonil entre o barrio de Pescaría e o Ensanche, conectando directamente con outras actuacións como a da rúa Compostela e empregando elementos urbanos similares para manter a sensación de conxunto. A praza de Mina reordenarase para simplificar e mellorar a seguridade, cun novo paso de peóns na intersección da praza coa rúa Sanchez Bregua. Tamén se levarán a cabo melloras nas beirarrúas de Alcalde Manuel Casás e recuperarase a praza da Aduana, propiciando unha maior e mellor integración do espazo portuario na contorna e constituíndose como a entrada metropolitana mediante transporte colectivo na cidade. Establecerase un anel arredor do edificio de Correos e manterase a saída cara á avenida do Porto.

A actuación permitirá tamén reducir a lonxitude dos pasos de peóns entre os Cantóns e os xardíns de Mendez Núñez, propiciando a recuperación das entradas peonís naturais no espazo verde. Ademais, implantaranse pavimentos táctiles e outras melloras de accesibilidade en todo o ámbito da actuación.

O carril bici será bidireccional e estará instalado na marxe dos xardíns, a onde se trasladará a estación de BiciCoruña do Obelisco para integrar este servizo municipal no percorrido ciclable.

Novas zonas verdes e protagonismo do Obelisco

O proxecto contempla novas zonas verdes e árbores, situados en espazos que permitan a súa estadía prolongada, xa que as condicións do subsolo polo aparcadoiro subterráneo limitan os espazos axeitados para o seu correcto desenvolvemento. A nova vexetación formúlase como unha conexión das zonas verdes dos xardíns de Méndez Núñez e engádense novas árbores nas rúas Nova, Santa Catalina, Marchesi Dalmau e Alcalde Manuel Casás. Haberá un total de 16 novas árbores e 500 metros cadrados de sombra.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou o traballo das persoas redactoras do proxecto, que buscaron "recuperar a imaxe clásica dos Cantóns", na que "o Obelisco recobra o papel central do espazo". Nese sentido, incidiu, "o Obelisco foi, é e será un punto de encontro dos coruñeses e coruñesas e quixemos reforzar esa idea". Nese sentido, a avaliación das condicións de crecemento do metrosidero que está xunto ao Obelisco levarán a trasladalo á localización máis próxima que conte cunhas condicións óptimas para a súa saúde, destacando o seu valor conmemorativo cunha situación rodeable e que permita a observación do Obelisco coa súa contorna diáfana, así como das visuais que se abren arredor do monumento.

A nova bancada, solución á rampla do aparcadoiro con vocación de novo punto de encontro

Outro dos elementos que destacan dentro do proxecto será a nova bancada, que se levantará como solución para eliminar o acceso rodado ao aparcadoiro subterráneo, que quedará adaptado como acceso peonil, cunha parte de escaleiras e outra de rampla, e que se complementará coa instalación dun ascensor que dará acceso aos dous sotos do aparcadoiro. "Supón un grande avance en materia de accesibilidade a instalación deste elevador e o deseño da bancada é unha oportunidade de crear un novo punto de encontro e reunión", sinalou Rey.

O tratamento do pavimento e mobiliario no conxunto do proxecto busca dar unha imaxe de unidade en toda a contorna. Proba diso, e tal e como explicaron as persoas redactoras do proxecto, o propio perfil da bancada e o seu peto replicarán o estilóbata e pedestal do Obelisco, remarcando ese carácter de elemento central do proxecto.

"A reurbanización dos Cantóns é un proxecto de cidade, pois esta é a porta de entrada ao centro da Coruña, a sala de estar de todos os coruñeses e coruñesas", indicou a alcaldesa, que destacou o carácter universal da obra: "Unha vez rematadas as obras, as persoas serán as protagonistas deste espazo, no que haberá novas zonas verdes, novo mobiliario e novas zonas de esparexemento e recreo".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión