30 de julio de 2025
A Banda Municipal, unha actuación especial no Planetario ou a Gran Noite do Folclore completan a programación
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou este xoves a programación completa da Romaría de Santa Margarida, que se celebrará no parque do 28 ao 31 de agosto, mantendo deste xeito o formato de catro días que puxo en marcha o pasado 2024 o Goberno de Inés Rey. O edil estivo acompañado de representantes das diferentes asociacións de cultura galega da cidade, así como artistas que participarán na Romaría.
"Desde o Goberno de Inés Rey estamos a levar a cabo un importante traballo de posta en valor e exaltación dos grandes eventos tradicionais da cidade, como esta Romaría de Santa Margarida, na que celebramos a nosa cultura da man das asociacións e agrupacións da cidade", sinalou Castro. Un ano máis, a Romaría e a cidade promocionarase no Festival Intercéltico de Lorient, o evento máis importante do mundo de música e folclore celta.
A Romaría de Santa Margarida volverá a contar con catro días de celebración, arrincando o xoves 28 de agosto coa actuación de Gala i Ovidio (21.00 horas), novo proxecto de Aida Tarrío e Raúl Refree que se estreará por primeira vez en directo no auditorio do parque de Santa Margarida. Estarán acompañados por Belem Tajes, que actuará ás 20.00 horas. As entradas continúan á venda no despacho de billetes da praza de Ourense e en Ataquilla.
O venres volverá a haber tamén un concerto especial no Planetario da Casa das Ciencias. Germán Díaz e Benxamín Otero farán unha dobre sesión ás 18.00 e 19.00 horas. As entradas están á venda na páxina web dos Museos Científicos. Tamén o venres celebrarase a Gran Noite do Folclore, coas actuacións de Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Donaire e Son d'aquí.
En canto aos concertos programados para a fin de semana no anfiteatro, o sábado actuarán As Lagharteiras, Os do Fondo da Barra e Comando Curuxás coas Cantareiras de Cántigas e Frores. O domingo será a quenda de Os Melidaos, Rura e El Nido e convidados. Tamén actuará o domingo 31 a Banda Municipal de Música da Coruña xunto con Donaire, ás 12.00 horas, na escalinata da Casa das Ciencias.
A programación complétase con outras actuacións no parque e o Espazo Participativo, que volverá a acoller obradoiros e mostras da man das entidades de cultura galega da cidade.
Programación completa da Romaría de Santa Margarida (296 KB)
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible