Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de agosto de 2026

A Romaría de Santa Margarida volverá converter o parque nun grande encontro da música e da cultura tradicional galega

A cita, que pechará desde mañá as Festas de María Pita, terá concertos, obradoiros, artesanía e actividades participativas

O parque de Santa Margarida volverá ser esta fin de semana o epicentro da música de raíz e da cultura tradicional coa celebración dunha nova edición da Romaría de Santa Margarida, unha das citas máis emblemáticas das Festas de María Pita e o seu tradicional peche cultural. Durante tres días, o parque acollerá concertos, obradoiros, actividades participativas e encontros arredor da música, o baile e as tradicións populares galegas. 

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a romaría representa "unha Coruña orgullosa das súas raíces, aberta ao mundo e que entende a cultura como un espazo de encontro e convivencia". A rexedora puxo tamén en valor o papel das entidades culturais da cidade e das agrupacións que manteñen viva a tradición musical galega. 

A programación arrancará o venres 28 de agosto co espectáculo de PÄRBO, o proxecto formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos, acompañado polas creacións visuais de Montse Piñeiro no Planetario da Casa das Ciencias. Xa pola noite, o anfiteatro acollerá a tradicional Gran Noite do Folclore, coa participación de Son d'Aquí, Donaire, Xacarandaina e Cántigas da Terra. 

O sábado será a xornada máis participativa, cun espazo de obradoiros, mostra de entidades e artesanía musical na explanada da Casa das Ciencias. A programación musical contará coa actuación de Benofán, o pasarrúas da Real Banda de Cadeiras Encartables e os concertos de Unto Vello, Os Viqueiras e Alana. 

A romaría rematará o domingo cun programa que combinará tradición e novas expresións musicais. A Banda Municipal de Música da Coruña actuará xunto a Donaire, mentres que ao longo da xornada pasarán polos escenarios Pansenfron, Son Galaico, Herbamora, Mondra e o grupo irlandés Dervish, unha das formacións de música celta máis recoñecidas a nivel internacional.

A Romaría de Santa Margarida consolídase así como unha das grandes celebracións da cultura tradicional galega e unha das propostas máis singulares do calendario estival da cidade, reunindo cada ano a milleiros de persoas arredor da música, da artesanía e do patrimonio cultural compartido.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

Venres, 28 de agosto

  • 18.00 e 19.00 h - Planetario da Casa das Ciencias - PÄRBO (Begoña Riobó e Anxo Pintos) con visuais de Montse Piñeiro 

  • 21.00 h - Anfiteatro de Santa Margarida - Gran Noite do Folclore: Aturuxo, Son d'aquí, Donaire, Xacarandaina e Cántigas da Terra.

Sábado, 29 de agosto

  • 11.30 a 14.30 h - Explanada da Casa das Ciencias - Espazo participativo: 

    • Obradoiros para distintos niveis e idades

    • Mostra de entidades da cidade

    • Mostra de artesanía musical

  • 13.30 h - Explanada da Casa das Ciencias - Actuación de Benofán 

  • 16.00 a 19.00 h - Explanada da Casa das Ciencias - Espazo participativo:

    • Obradoiros para distintos niveis e idades

    • Mostra de entidades da cidade

    • Mostra de artesanía musical

  • 19.30 h - Explanada da Casa das Ciencias - Actuación de Real Banda de Cadeiras Encartables. 

  • 20.30 h - Anfiteatro de Santa Margarida - Concertos de Unto Vello, Os Viqueiras e Alana.

Domingo, 30 de agosto

  • 12.00 h - Escalinata da Casa das Ciencias - Concerto da Banda Municipal de Música da Coruña con Donaire 

  • 13.00 h - Escenario das merendas - Concerto de Pansenfron

  • 17.30 h - Escenario das merendas - Concerto de Son Galaico

  • 20.00 h - Anfiteatro de Santa Margarida - Concertos de Dervish, Herbamora e Mondra

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión