11 de maio de 2026
Esta iniciativa, froito da colaboración entre o Concello e a asociación Fibro Visibles, abre camiño á lectura do manifesto que terá lugar mañá ás 11.30 horas na praza de María Pita
O Concello da Coruña, en colaboración coa asociación Fibro Visibles, reforza as accións conmemorativas polo Día Mundial da Fibromialxia, que terá lugar este martes 12 de maio e incluirá a lectura dun manifesto na praza de María Pita, ás 11.30 horas, co obxectivo de contribuír á visibilización desta síndrome de dor crónica e xeralizada coa que conviven milleiros de persoas en todo o mundo.
Hoxe, como paso previo á convocatoria de mañá, a rúa San Andrés acolleu un acto cheo de simbolismo: a inauguración dun banco de cor morada -que representa o espírito de concienciación e compromiso fronte á fibromialxia- fronte á igrexa castrense, moi preto da sede de Fibro Visibles. A entidade conta coas súas dependencias nun espazo cedido polo Concello na sede do Circo de Artesáns.
"O Concello leva anos colaborando de maneira estreita con entidades que fan un traballo fundamental na visibilización, no acompañamento e na creación de comunidades e grupos de apoio. Hoxe queremos lembrar a importancia de seguir avanzando para mellorar a vida diaria das persoas con fibromialxia, favorecer a súa comprensión social e contribuír a que conten con máis apoio, máis recursos e máis recoñecemento", valorou a alcaldesa, Inés Rey.
A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa; pola presidenta de Fibro Visibles, Ana María Rodríguez Castro; e pola xunta directiva da asociación.
A instalación deste banco, froito dunha petición da propia asociación, ten un sentido específico: crear un espazo visible na cidade que convide a pararse, reflexionar e tomar conciencia sobre todo o que pode facer a sociedade no seu conxunto para mellorar as condicións de vida das persoas que conviven con esta enfermidade.
Con esta acción, o Concello da Coruña reafirma o seu compromiso coa colaboración co tecido asociativo e coa promoción dunha cidade máis inclusiva, sensible e próxima ás realidades das persoas que afrontan enfermidades crónicas no seu día a día.

4 de marzo de 2026

2 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible