Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xuño de 2020

A sala de exposicións do Pazo Municipal inaugura mañá a mostra “Enrique Lista. Mirador de aves”

A mostra permenecerá aberta até o 26 de xullo

A sala de exposicións do Pazo Municipal acollerá do 11 de xuño ao 26 de xullo a exposición fotográfica "Enrique Lista. Mirador de aves", unha proposta que remite ao xénero pictórico tradicional do bodegón, pero tamén próxima ao uso da fotografía que o común dos mortais temos incorporado á nosa vida cotiá.

Relato da exposición

"Mirador de aves" reúne dous grupos de fotografías bastante definidos: cadáveres de paxaros atopados na rúa e comidas domésticas nas que pode verse algún ovo cociñado. As connotacións destas imaxes son bastante obvias, pero tamén teñen posibles lecturas máis complexas, sobre o que miramos cada día.

Esas lecturas quedan abertas ás persoas espectadoras: poderían buscarse interpretacións simbólicas sobre a dureza do mundo co que temos que tragar cada día (de xeito directo ou a través dos medios de comunicación), poden suxerirse pensamentos sobre o trato aos animais ou á relación que temos con eles dende os tempos máis antigos... ou podemos facer lecturas que mesturan o máis cotián co máis atávico, mirando a morte como algo próximo co que se pode convivir de xeito "natural": o pan noso de cada día.

Noso era tamén un xeito de convivir coa morte que na cultura tradicional galega formaba parte da vida social, pero que ten quedado relegado a un moderno e pudoroso encubrimento. Cando non nos atrevemos a mirar algo ou a alguén aos ollos, miramos para outro lado, con frecuencia ao chan, como sucede na maioría das fotografías de "Mirador de aves", pero hai miradas ás que nin así se pode escapar. Cando o que miramos son fotografías, dalgún xeito tamén nos miramos ao que alguén chamou "espello con memoria", pero non sería unha memoria do pasado senón do futuro: memento mori.

Detalles técnicos

As fotografías de "Mirador de aves" foron tomadas con dous dispositivos de captura fotográfica: unha cámara réflex dixital e un teléfono intelixente de segunda man. As copias de exposición foron realizadas mediante impresión de tintas pigmentarias sobre papel baritado e fixadas sobre soportes ríxidos sen marco.

A exposición está composta por 10 fotografías de 100x70cm e 70 fotografías de 15x26cm, aínda que o arquivo a partir do cal se seleccionaron contén máis de 200 imaxes. Para o catálogo seleccionáronse 72 fotografías, organizadas de xeito que o formato e a secuencia de páxinas teña un funcionamento autónomo, diferente ao das fotografías distribuídas nas paredes da exposición.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión