4 de setembro de 2015
Visitas escolares e unha xornada técnica con profesionais de todo o Estado completarán seis días ateigados de actividades dirixidas a toda a cidadanía
O corpo de Bombeiros da cidade da Coruña organizará, entre os días 25 e 30 de setembro, a décima edición da súa Semana de Prevención de Incendios, unha acción coa que se pretende sensibilizar e poñer en coñecemento da cidadanía materiais e accións a realizar ante situacións de risco por lume. Durante esta semana, o Obelisco converterase no centro de prevención dos bombeiros, xa que a súa presencia será continua no centro da cidade. Os profesionais atenderán permanentemente consultas sobre prevención, normativa ou calquera outra materia de seguridade contra incendios, ademais de ofrecer, polas tardes, charlas sobre actuacións ante incendios domésticos, manexo de extintores ou pautas a seguir nos accidentes de tráfico. Nas sesións vespertinas poderán visitarse os vehículos de primeira intervención e, na zona expositiva, tamén estarán situados vehículos antigos e actuais do Corpo. Este ano tamén haberá ocasión de seguir o traballo dos corpos de seguridade a través de dous simulacros. O primeiro será o sábado, día 26, ás 12.00 horas, realizado polo Grupo de Rescate Acuático na zona do Castelo de San Antón e o martes 29, ás 11.00 horas, terá lugar no Centro de Oficinas Work Center de Agrela.
Unha xornada de seguridade e prácticas de extinción contra incendios cun grupo de traballadoras e traballadores do Polígono Industrial de A Grela Bens marcará o inicio da semana, que durante o sábado e domingo acollerá actividades dirixidas ao público infantil contando, ademais, cunha zona de inchables. O día 27 será o día especial para acudir en familia, con obradoiros nos que as avoas e avós poderán participar coas súas netas e netos.
As visitas aos centros escolares da cidade centrarán as mañás da Semana da Prevención de Incendios. O alumnado das escolas, a través de charlas e vídeos, adquirirá coñecementos sobre auto-protección e prevención. Tamén aprenderá a importancia da roupa de intervención, pudendo vestirse con ela, ademais de realizar prácticas como "Salva ao teu compañeiro", na que os bombeiros concienciarán ao grupo de escolares sobre os incendios domésticos cunha actividade sobre orientación en condicións de visibilidade nula e rastreo de vítimas, ou "Levanta ao teu profe", onde entrarán en contacto co material de rescate en altura. A través do uso e poleas, descubrirán como levantar pesos maiores que os seus. O mesmo profesorado tamén será protagonista das xornadas ao coñecer o emprego do extintor cunha práctica real sobre bandexas de gas ardendo.
Xornada técnica sobre o futuro da profesión
O mércores 30 terá lugar a xornada técnica "O futuro dos bombeiros profesionais", na que se avaliará o futuro da prestación dos seus servizos ou as oportunidades de desenvolvemento da súa carreira, e haberá oportunidade de analizar os diferentes papeis na organización dunha catástrofe ou estudios de vítimas de incendios no Estado. A xornada tamén contará con espazo para as presentacións da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros de Galicia e da Plataforma unificada Bombeiros de Galicia
.

30 de outubro de 2025

29 de outubro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible