Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de setembro de 2026

A Semana Europea da Mobilidade arranca na praza de Tabacos con sete días de actividades para toda a cidade

A Coruña chega á SEM 2026 con cifras récord de BiciCoruña, que suma 1,9 millóns de usos no que vai de ano, 100.000 máis que en todo 2025

A alcaldesa, Inés Rey, abriu hoxe na praza de Tabacos unha nova edición da Semana Europea da Mobilidade (SEM2026), á que A Coruña se suma un ano máis xunto con cidades de toda Europa para promover unha mobilidade máis sostible, segura e accesible. Ata o próximo martes 22, a cidade acollerá unha ampla programación con actividades educativas, divulgativas, deportivas e culturais para todos os públicos: "Para A Coruña a mobilidade non é cousa dunha semana. É o modelo de cidade polo que levamos anos traballando", sinalou Rey, que destacou as características da Coruña como "unha cidade compacta, de apenas 37,5 quilómetros cadrados, na que moitos dos desprazamentos diarios poden facerse a pé, en bicicleta ou en transporte público".

A alcaldesa incidiu na transformación urbana desenvolvida desde 2019, coa recuperación de espazo público para as persoas, a mellora dos itinerarios peonís e da accesibilidade nos barrios, o reforzo do transporte público e a ampliación das alternativas ao vehículo privado. "Somos unha cidade pequena en extensión, pero pensamos ao grande. A transformación da Coruña acompaña os avances das principais cidades europeas", apuntou.

A praza de Tabacos, epicentro da SEM 2026

A praza de Tabacos concentrará boa parte das actividades da Semana Europea da Mobilidade, con espazos informativos e propostas que permitirán achegarlle á cidadanía as diferentes políticas e servizos vinculados á mobilidade, á seguridade viaria e ao medio ambiente.

Nos toldos estarán presentes os servizos municipais de Mobilidade, Medio Ambiente e Seguridade Cidadá, así como BiciCoruña. Tamén participan Tranvías Coruña, que dará a coñecer o servizo de transporte urbano e colaborará con sorteos de bicicletas pregables e bonos de autobús, e empresas vinculadas á mobilidade como Eptisa e Aluvisa, con paneis informativos.

A programación inclúe actividades de educación viaria e ambiental, rutas escolares e abertos á cidadanía, visitas ao CIMoB, circuítos de habilidades e propostas sobre accesibilidade e seguridade viaria. Durante varias xornadas, a AMI-Asociación Montañeiros Independentes organizará marchas nórdicas con diferentes saídas desde a praza de Tabacos e outros puntos da cidade, previa inscrición na ligazón: https://i.gal/formulariomarchaSEM2026 

Stop Accidentes levará tamén a seguridade viaria á rúa. Na xornada inaugural desenvolverá un obradoiro creativo de chapas e a campaña peonil "Móvete Seguro" nun paso de peóns da contorna de El Corte Inglés. A entidade volverá participar o martes 22, Día sen Coches, cun obradoiro de chapas de seguridade viaria e unha campaña peonil con consellos para promover desprazamentos máis seguros.

Entre as novidades e citas destacadas figura a xornada sobre mobilidade e coidados "Mobilidades invisibles", organizada por Mobi-Liza no MUNCYT, xunto cos roteiros en bicicleta (inscrición en https://i.gal/FormularioMobilizaSEM2026). Tamén se realizará un paseo veciñal pola rolda Peonil da man da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña, acompañados por A.C. Donaire; unha actividade sobre accesibilidade con GRUMICO e as propostas de Galicia Rollers e VMP Coruña.

A cultura terá tamén presenza na SEM con dúas sesións de cineme ao aire libre: o venres proxectarase "El 47", cunha presentación previa de Javier Trigales, e o sábado será a quenda de "E.T. El extraterrestre". As sesións estarán acompañadas da repartición de cornetes de lambetadas entre as persoas asistentes. O venres terá lugar tamén a Friday Mobility Night de Galicia Rollers, este ano con temática verde.

A Semana concluirá o martes 22, Día sen Coches, co corte do tráfico da rúa Concepción Arenal entre as 17.00 e as 20.00 horas. A calzada converterase durante a tarde nun espazo para a cidadanía con educación viaria, circuítos de habilidades, patinaxe, zumba na rúa con Termaria, música coa Coral Polifónica El Eco e actividades de Medio Ambiente.

Rey agradeceulle o traballo das concellarías e servizos municipais implicados na organización, especialmente Mobilidade, Medio Ambiente e Seguridade Cidadá, así como da Policía Local, e puxo en valor a colaboración das entidades que participan na programación: AMI-Asociación Montañeiros Independentes, Mobi-Liza, Stop Accidentes, Galicia Rollers, VMP Coruña, GRUMICO, Termaria, a Federación de Asociacións de Veciños e as entidades veciñais participantes, xunto con Amigos del Acordeón, A.C. Donaire, o Coral Polifónica El Eco e a Xefatura Provincial de Tráfico. "Esta non é só unha programación do Concello. É unha programación construída coa cidade e coas entidades que traballan durante todo o ano por unha mobilidade mellor", sinalou.

Toda a información pode consultarse na seguinte ligazón: https://i.gal/SEM2026 

Case 60 quilómetros de rede ciclable e récord de BiciCoruña

A apertura da SEM serviu tamén para facer balance da evolución da mobilidade sostible na cidade. A Coruña supera xa os 57 quilómetros de rede ciclable, sete máis ca en 2023, e conta con case outros tres quilómetros actualmente en execución.

A renovación e ampliación de BiciCoruña traduciuse nun forte crecemento do servizo, que dispón actualmente de 856 bicicletas, 85 estacións e 19.116 persoas usuarias. Só entre xaneiro e agosto deste ano contabilizáronse máis de 1,9 millóns de usos, 100.000 máis ca en todo o ano 2025. "Estamos ante cifras de récord, que demostran que cando ofrecemos alternativas cómodas, accesibles e útiles, a cidadanía responde", destacou a alcaldesa.

Durante a SEM, os paneis informativos instalados na praza de Tabacos permitirán tamén coñecer datos reais sobre como se move a cidadanía. Os sistemas de medición rexistran unha media diaria de 931 bicicletas na praza de Ourense, 867 na avenida da Habana e 535 en Ramón y Cajal.

No caso da mobilidade peonil, contabilízanse diariamente 22.964 persoas na rúa Compostela, 15.571 en San Andrés e 14.243 en Alcalde Marchesi, tres espazos que experimentaron importantes transformacións urbanas nos últimos anos e que hoxe gozan diariamente milleiros de persoas. Como referencia, pola rúa Alcalá de Madrid pasan unhas 16.000 persoas ao día, preto de 7.000 menos que pola rúa Compostela.

O Concello amplía a estación de BiciCoruña da praza de Tabacos

Precisamente o lugar escollido para abrir a SEM é un dos puntos de maior demanda da rede de bicicleta pública. A estación da praza de Tabacos é actualmente a cuarta con máis usos de BiciCoruña, por detrás das de Porta Real, praza de Pontevedra e Casa da Auga.

Para darlle resposta ao incremento de persoas usuarias neste enclave, o Concello ampliou a estación mediante un sistema de dobre ancoraxe. A actuación permite pasar das 12 bicicletas actuais a 25, máis que duplicando a súa capacidade. "É un bo exemplo do que estamos facendo: crear alternativas, comprobar que funcionan e, cando a cidadanía responde, seguir ampliándoas e mellorándoas", apuntou Rey. Só no que vamos de ano, na praza de Tabacos comezaron ou remataron 107.700 viaxes en BiciCoruña.

Un novo paso peonil para reforzar a seguridade na praza de Pontevedra

A alcaldesa puxo tamén como exemplo das actuacións municipais en materia de mobilidade a recente entrada en funcionamento do novo paso de peóns na intersección entre Modesta Goicouría e a praza de Pontevedra, o primeiro da cidade que incorpora un sistema de bandas led no chan para reforzar as indicacións luminosas do semáforo.

A actuación permite mellorar a seguridade nun punto cunha elevada afluencia peonil e especialmente transitado por estudantes nas horas de entrada e saída do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e do CEIP Eusebio da Guarda.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión