Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de abril de 2024

Inés Rey destacou a excelencia e innovación deste certame “para achegar este xénero a novos públicos”

A sétima edición do festival RESIS converte A Coruña en referente internacional da música contemporánea

Haberá 10 concertos en espazos singulares da cidade e, por primeira vez, esténdese o programa cunha cita en Roma e outra e Madrid

O Festival RESIS celebrará este ano a súa sétima edición, posicionando á Coruña como referente da música contemporánea. O programa deste ano inclúe concertos en distintos espazos da cidade, así como dúas citas fóra de Galicia, en Roma e Madrid, ampliando o prestixio internacional e nacional do festival. Así o anunciou a alcaldesa, Inés Rey, durante o acto de presentación que tivo lugar esta mañá en María Pita. A rexedora estivo acompañada por Gonzalo Castro, concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade e responsable da área de Cultura; Hugo Gómez-Chao, director artístico do festival, Andrés Lacasa, xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia; e Rosario Fernández-Albarat Ruiz, xefa do servizo de coordinación cultural do departamento territorial da Consellería de Cultura.

"Para este Goberno é unha honra poder promover un evento tan necesario como innovador, que ano a ano explora novas vías para achegar un xénero como o da música contemporánea a novos públicos", indicou a alcaldesa durante a súa intervención. Esta nova edición do Festival RESIS supón un ambicioso proxecto musical, acollendo na Coruña aos directores e intérpretes con maior prestixio a nivel mundial. Ademais, por primeira vez, o RESIS estende o seu programa fóra de Galicia, cun concerto no Círculo de Belas Artes de Madrid, así como outro concerto na Real Academia de España en Roma, tal e como detallou o director do evento.

"RESIS é un certame de extraordinaria calidade artística e que ademais combina a excelencia da arte coa excelencia da cidade da Coruña, do seu patrimonio e dos seus espazos naturais e arquitectónicos", sinalou Inés Rey. O programa comezará o vindeiro 3 de maio e estenderase ata o 9 de xuño, incluíndo 10 concertos, 8 deles estrea absoluta, unha exposición, así como proxeccións e numerosas actividades paralelas, como a terceira edición do proxecto didáctico inclusivo "A Proxección Sonora III".

O Festival RESIS 2024 contará con directores, músicos e agrupacións de primeiro nivel como o director holandés Bas Wiegers, a 'Joven Orquesta Nacional de España' ou o cuarteto Arditi, entre outros. Ademais, interpretaranse pezas de compositores e compositoras contemporáneos de recoñecido prestixio internacional como Rebecca Saunders, León de ouro de Música na Bienal de Venecia 2024; o compositor galego Eduardo Soutullo, Premio Nacional de Musica 2023 e Premio Andrés Gaos 2024; Salvatore Sciarrino ou Toshio Hosokawa. Ademais, volverán a participar as dúas formacións con raíz na cidade como son a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música.

Unha das singularidades do Festival RESIS nas súas edicións anteriores eran os enclaves nos que organizan os concertos, percorrendo este ano a Fundación Luis Seoane, o Museo de Belas Artes da Coruña, A Domus, o Museo Nacional de arte Arte e tecnoloxía Muncyt, o Auditorio Afundación, o Paraninfo do Reitorado da UDC, o Palacio da Ópera, a Fábrica de Tabacos e o Teatro Colón. A isto súmanse os dous concertos fóra da cidade, que serán na Real Academia de España en Roma e no Círculo de Belas Artes de Madrid. "Abriremos os nosos teatros e auditorios máis emblemáticos, unha vez máis. Pero tamén outros edificios cuxas paredes nunca sentiron o retumbe das notas musicais", sinalou Inés Rey.

Inauguración

O Festival RESIS 2024 celebrará a súa inauguración o vindeiro venres 3 de maio na Fundación Luis Seoane a partir das 19.30 horas. Nesta cita abrirase ao público a exposición "Y su sangre ya viene cantando", xunto coa actuación de Niño de Elche un proxecto que presenta unha cronoloxía poética do legado de Luigi Nono (1924 1990), un dos compositores máis importantes do panorama musical europeo a quen o Festival RESIS lle rende homenaxe no centenario do seu nacemento.

As entradas aos concertos e actividades serán gratuítas, reservándose en Ataquilla ou presencialmente no quiosco da praza de Ourense.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión