28 de marzo de 2016
O faro atraeu a 2.772 persoas durante as xornadas festivas de xoves e venres e a fin de semana procedentes, a maioría, doutras zonas de Galicia, así como de Madrid, Euskadi, Castela e León, Asturias e Catalunya
A Torre de Hércules segue acumulando resultados positivos en canto á afluencia de turistas que recibe. Así, e segundo os datos que manexa o Consorcio de Turismo, entre o luns 21 de marzo e o domingo 27, coincidindo coa Semana Santa, o faro romano recibiu 4.388 visitantes, aumentando os datos do ano pasado, que na mesma data rexistrou 4.328 entradas. Nas xornadas festivas que van do xoves 24 ao domingo 27, polo monumento Patrimonio da Humanidade pasaron 2.772 visitantes, manténdose os rexistros en cotas similares ás do mesmo período do 2015.
En canto á procedencia das persoas que acoden á Torre, e segundo a información que se recolle no momento da visita, a maioría son de orixe galega. En concreto entre o xoves e o domingo, un 26% dos e das turistas que pasaron polo faro eran de Galicia, mentres que o 15,5% procedían de Madrid, e o 11% de Euskadi. O 9,77% das persoas que se achegaron á Torre durante os dias festivos viñan de Castela e León, mentres que o 5,4% era de Asturias e o 4% de Catalunya. A gran maioría dos turistas rexistrados nesta semana son europeos, sendo, tras España, Portugal o principal estado emisor de visitantes.
Os datos de Semana Santa refrendan a evolución da Torre de Hércules en canto a atracción de turistas. O histórico faro rematou 2015 cun balance positivo de 117.427 visitantes, 3.578 máis que durante 2014.
A entrada á Torre de Hércules será gratuíta durante esta xornada de luns, sendo o horario de Semana Santa de 10.00 horas a 19.30 horas, sendo a última entrada o 19.00 horas. A partir de mañá martes retómase o horario habitual de inverno, de 10.00 horas a 18.00 horas, con última entrada ás 17.30 horas. O 1 de xuño instaurarase o horario de verán entre 10.00 horas da mañá e 21.00 horas, con última entrada ás 20.30 horas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible