26 de xuño de 2026
Os traballos, divididos en catro fases, comezarán o vindeiro luns 29. No desenvolvemento das obras, promovidas pola Xunta de Compensación de Visma, a circulación do tráfico rodado manterase habilitada
O vindeiro luns 29 de xuño comezarán as obras de remodelación da rotonda que conectará Visma coa Terceira Rolda, unha infraestrutura que se adaptará para mellorar a accesibilidade ao que actualmente é un polígono urbanístico en desenvolvemento e, nos vindeiros anos, cobrará forma como un novo barrio con máis de 3.600 vivendas, das que unha cuarta parte serán de protección oficial.
A reconfiguración desta glorieta -que tamén permitirá crear novas conexións e accesos ao núcleo de San Pedro de Visma-, será executada pola Xunta de Compensación que está a urbanizar a zona, e que neste caso ten previsto actuar sobre uns 340 metros da Terceira Rolda. Concretamente, entre a saída do falso túnel e a localización actual da rotonda.
A intervención neste sector, que pasará a contar con dous carrís de circulación por sentido, aparellará melloras substanciais neste acceso á cidade: ademais da creación de percorridos peonís ata agora inexistentes, con novas beirarrúas, tamén se habilitará un novo treito de carril-bici que estará conectado co futuro barrio de Visma. E en paralelo, coa reurbanización desta zona, tamén está previsto que se creen novos espazos de estacionamento.
Ademais, aproveitando a intervención na rotonda, executaranse as canalizacións urbanas correspondentes: saneamento de pluviais, residuais, abastecemento, rede eléctrica, telecomunicacións, gas e iluminación pública.
Nas últimas semanas, o Concello mantivo diversas reunións coa dirección de obra da Xunta de Compensación para planificar un calendario de traballos que permita manter o tránsito de vehículos durante o desenvolvemento das obras, sendo a Terceira Rolda, como é, unha das principais arterias de circulación en sentido de entrada e saída á Coruña.
Neste sentido, e tras estudar as posibilidades existentes, consensuouse un plan dividido en catro fases entre o luns 29 de xuño e finais de setembro. A primeira destas fases comezará coa demolición da mediana de formigón central no treito que estará afectado polas obras, unha actuación que continuará ata os primeiros días de xullo. Ao longo desta fase, a circulación do tráfico rodado estará habilitada con dous carrís por sentido.
A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé na importancia desta intervención, "que non só é necesaria para crear os futuros accesos ao barrio de Visma, senón tamén para mellorar as conexións con Visma de Arriba", xa que as actuacións na contorna da rotonda aparellarán a creación de novas portas de entrada e saída ao núcleo, unha medida que tamén contribuirá a segregar o tráfico específico das persoas residentes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible