Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de febreiro de 2026

A estimación dos servizos municipais é que o polígono de Visma disporá de case 1.800 prazas de estacionamento en superficie

A urbanización dos espazos públicos no polígono de Visma avanza coa delimitación dunha nova bolsa de estacionamento entre o Ágora e os Mariñeiros

Nos vindeiros días comezarán os traballos de sinalización das prazas, que permitirán incrementar o espazo dispoñible para aparcar na contorna

A urbanización do polígono residencial de Visma avanza a bo ritmo e con próximas actuacións de mellora nos espazos públicos da zona, que permitirán ampliar a bolsa de estacionamento dispoñible na zona.

Neste sentido, a inicios do vindeiro mes de marzo comezarán os traballos para delimitar máis de 80 novas prazas para aparcar vehículos ao longo do vial que conecta o Ágora coas casas dos Mariñeiros. A xunta de compensación, coa colaboración do Concello, iniciará as tarefas nos próximos días, aproveitando a beira esquerda do vial, onde se sinalizarán novas prazas en batería ou en liña, en función do treito.

Nesta fase da obra de urbanización suprimirase o estacionamento irregular no soar situado fronte ao Ágora, estacionamento que será compensado polas novas prazas que se crean. 

Esta medida abre camiño á próxima urbanización das parcelas de Visma situadas na marxe da rúa Alcalde Jaime Hervada, que forman parte do proxecto da promotora, e onde está previsto que se creen novas zonas verdes e equipamentos públicos, en paralelo aos desenvolvementos residenciais.

A intervención no polígono de Visma, ámbito no que se prevé a construción de case 3.600 vivendas antes do ano 2030 -das que case 1.000 serán de protección oficial-, tamén terá un impacto directo no incremento das superficies públicas, coa creación de 90.000 metros cadrados de espazos ao aire libre, 86.000 metros cadrados de viario, sendas peonís e de carril bici e case 50.000 máis reservados para equipamentos municipais. "O avance nas obras permitirá non só gañar espazos verdes e zonas libres, senón tamén contar cunha importante bolsa de vivenda de protección para atender unha demanda crecente de vivenda a prezos taxados", indicou a alcaldesa, Inés Rey. 

A este respecto, a transformación do polígono tamén suporá a creación dunha ampla bolsa de estacionamento en superficie -cando finalicen as obras de urbanización teranse creado 1.784 novas prazas de estacionamento en superficie, ademais de 289 nun novo aparcadoiro público municipal-, fundamentais para facilitar o estacionamento en Visma, onde os edificios residenciais xa contarán, ademais, con garaxes propios.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión