Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de setembro de 2017

A veciñanza pode votar até este domingo as propostas de investimento que formarán parte do proxecto inicial do presuposto de 2018, dentro dos Orzamentos Participativos

A Praza de Pontevedra acollerá mañá, de 16.00 a 21.00 horas, un punto informativo no que a veciñanza poderá informarse e intervir na derradeira fase do programa municipal

O proceso de Orzamentos Participativos encara a súa recta final. Este domingo 24 rematará a última fase da iniciativa impulsada polo Goberno local, e que ten como finalidade que a veciñanza decida, dun xeito directo, o destino de 3 millóns de euros en investimentos que se incorporarán á proposta inicial de Presupostos do Concello da Coruña do ano que vén. Desde a posta en marcha, o pasado 8 de setembro, deste período concluínte, máis de 1.600 veciñas e veciños emitiron, a través da plataforma dixital que sostén este programa, http://aportaaberta.coruna.es, máis de 8.700 votos dirixidos a propostas de cidade ou distrito.

Para votar nesta última fase non é preciso ter participado anteriormente. Calquera persoa con 16 anos cumpridos e empadroada na Coruña pode elixir entre as 141 propostas achegadas e apoiadas pola cidadanía nos últimos meses. Dentro deste proceso definitivo, que estará aberto até o domingo 24 de setembro ás 23.59 horas, as persoas interesadas poderán votar, a través do portal web http://aportaaberta.coruna.es, unha ou varias propostas para toda a cidade --ata 1 millón de euros--, e unha ou varias propostas --ata o importe total de 200.000€-- nun distrito da súa elección. Aquelas que reciban máis votos, ata un millón de euros no caso de propostas de cidade, e, dentro de cada distrito, ata un máximo de 200.000 euros, incorporaranse ao proxecto inicial do Orzamento Xeral do Concello de 2018.

Co obxectivo de promover e facilitar a participación, o goberno local habilitou nesta última fase dos Orzamentos Participativos novos puntos de información e dinamización. Desde xeito, a veciñanza poderá achegarse mañá, sábado 23, á Praza de Pontevedra, en horario de 16.00 a 21.00, espazo no que se lle proporcionará información detallada do proceso, pero no que tamén se poderán consultar as propostas candidatas, así como votar a través de dispositivos móbiles. Este punto contará ademais con área de xogo e descanso para facilitar a conciliación, unha proposta que segue a liña dos programas postos en marcha pola concellería coa finalidade de favorecer a participación activa.

Igual que nas fases anteriores dos Orzamentos Participativos, o Concello pon tamén a disposición das persoas interesadas en participar espazos de apoio en todas as bibliotecas e centros cívicos municipais, no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) e na Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, así como información detallada no teléfono de atención cidadá gratuíto 010. Ademais, desde o luns 11 de setembro o bus itinerante dos Orzamentos Participativos percorre os barrios e prazas da cidade con persoal dinamizador, facilitando a participación e informando do proceso a quen queira achegarse.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión