16 de marzo de 2025
O ciclo continúa en abril, maio e xuño con tres novas proxeccións que exploran a memoria, a saúde e os soños de superación
O Fórum Metropolitano acollerá nos vindeiros meses tres novas sesións do ciclo 'Documental do mes', unha iniciativa promovida polo Concello da Coruña. O proxecto, que amplía a oferta audiovisual municipal, achega cada mes ao público da cidade documentais recoñecidos internacionalmente que, doutra maneira, non terían distribución comercial. O ciclo englóbase dentro das medidas de promoción cultura postas en marcha polo Goberno de Inés Rey.
A primeira proxección terá lugar o xoves 3 de abril coa exhibición de "Fragmentos de una biografía amorosa" (Francia, 2023), dirixida por Chloé Barreau. A cineasta, que desde os 16 anos filmou todas as súas relacións amorosas, reconstrúe a súa historia persoal a través dos testemuños das súas exparellas. Un documental íntimo e revelador sobre a memoria, o amor e as múltiples versións dunha mesma historia. A película proxectarase en versión orixinal en francés e italiano, con subtítulos en castelán, e ten unha duración de 95 minutos.
O ciclo continuará o xoves 1 de maio con "Sálvese quien pueda" (Suíza, Bélxica, Francia, 2024), de Alexe Poukine. O filme trasládase a un hospital suízo para explorar os talleres de simulación nos que o persoal profesional sanitario practican a comunicación de malas noticias ás/os pacientes e ás súas familias. Unha reflexión sobre a empatía, os dilemas médicos e as presións que sofren os coidadores dentro do sistema de saúde. O documental proxectarase en versión orixinal en francés con subtítulos en castelán e ten unha duración de 98 minutos.
A terceira sesión será o xoves 5 de xuño con "Pequeños acróbatas" (Italia, Kenia, 2023), de Nika Saravanja. A película segue os soños de Ian e Pro, dous nenos dos suburbios de Nairobi que loitan por convertérense en acróbatas recoñecidos e viaxar por Europa. Un relato emocionante sobre a amizade, a superación e os desafíos que enfrontan as/os menores con aspiracións artísticas en contextos desfavorecidos. O documental proxectarase en versión orixinal en inglés e suajili, con subtítulos en castelán, e ten unha duración de 85 minutos.
As sesións terán lugar os xoves ás 20.00 horas no Fórum Metropolitano. As entradas están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com e tamén se poderán adquirir o propio día da proxección no despacho de billetes do recinto. O prezo xeral é de 3,00 euros, con descontos a 2,00 euros para posuidores do Carné Xove, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego.
18 de marzo de 2025
12 de marzo de 2025
22 de febreiro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible