28 de xullo de 2015
O secretario xeral de Cultura da Xunta ofrece ao Goberno local “colaboración institucional na procura de obxectivos comúns”
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou na mañá deste martes a 44º edición da Feira do Libro da Coruña, que terá lugar durante o mes de agosto en Méndez Núñez, primeiro coa Feira do Libro Novo (do día 1 ao 10) e, posteriormente, coa Feira do Libro Antigo e de Ocasión (do 16 ao 30). Trátase, como subliñou o responsable municipal, “dun dos acontecementos solventes e tradicionais do verán, que mostra o compromiso deste Goberno municipal polas actividades estables e consistentes e polo desenvolvemento de actividades vinculadas ás letras, e a súa aposta pola creación local”. Neste sentido, Sande vinculou a cita coas letras a proxectos que xa se están a desenvolver desde o Concello, como o Plan de Bibliotecas ou o Plan Municipal de Lectura, e adiantou o programa de actividades que se desenvolverá co gallo do centenario da fundación das Irmandades da Fala.
Uns 150 escritores, escritoras e persoas relacionadas co mundo do libro pasarán polas 34 casetas que se instalarán nos xardíns de Méndez Núñez nesta edición, que se abrirá de xeito oficial ás 12.30 horas do sábado, 1 de agosto, coa actuación da Banda Municipal de Música e a lectura do pregón, que este ano corre a cargo da vicepresidenta da escritora Mercedes Queixas.O programa inclúe máis de 90 actividades, entre coloquios, presentacións e sinaturas de libros, na que é “a feira máis grande de Galicia”, segundo salientou o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, quen interveu na presentación xunto ao responsable municipal e ao vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Antón Pedreira. O responsable autonómico agradeceu ao Concello da Coruña o convite para participar na presentación do evento, algo, que “por desgraza -lamentou-, non é habitual no resto de cidades galegas” e ofreceu ao Goberno local “colaboración institucional, independentemente do seu signo político, sempre na procura dos obxectivos comúns, que no ámbitos culturais son moitísimos”.
Pola súa banda, o representante da Federación de Librarías de Galicia salientou o papel deste evento de cara á promoción da produción en galego e ao fomento da lectura, e destacou a colaboración das bibliotecas coruñesas, presentes cada ano na feira. “Non son competencia, senón unha gran axuda para facer lectores Cantos máis lectores máis libros, canto máis lectura máis críticos e máis libres”, sinalou Pedreira.

14 de decembro de 2025

13 de decembro de 2025

12 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible