3 de novembro de 2017
O alcalde salientou que “determinados tipos de inmobles que están protexidos na zona centro da cidade pasarán a ter a mesma consideración nos barrios, preservando o dereito de todas as zonas da cidade a preservar a súa memoria”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou no encontro cos medios que tivo lugar tras a celebración da Xunta de Goberno Local que o órgano de dirección municipal abordou hoxe "un importante asunto, que ten que ver coa forma que ten este executivo que entender o espazo público e o patrimonio da cidade". Así se referiu á aprobación da proposta de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenamento Municipal da Coruña (PXOM), que está integrado tanto polo borrador da citada modificación como polo Documento Ambiental Estratéxico (DAE) e que "outorgará unha maior igualdade e equidade en todos os barrios da cidade no que atinxe á protección arquitectónica e etnográfica".
"Na cidade existían moitos bens de carácter arqueolóxico que non contaban cunha delimitación que os protexese convenientemente. Ademais, era posible mellorar e ampliar o catálogo incorporando distintos elementos que se foron descubrindo dende a aprobación do PXOM", explicou. "Do mesmo xeito, esta modificación tamén outorgará unha maior protección a unha parte considerable do patrimonio etnográfico existente nos núcleos tradicionais da cidade, como é o caso de hórreos, fontes ou cruceiros", indicou, aludindo ao feito de que a nova modificación puntual individualizará cada ben nunha ficha, ofrecendo unha documentación máis minuciosa que permitirá o seu mellor control e seguimento.
Ferreiro subliñou que o patrimonio arqueolóxico da cidade, ademais, "se verá incrementado considerablemente por diferentes motivos, por exemplo, o feito de que incorporamos inmobles que se encontran na contorna de protección do Camiño Inglés de Santiago".
"As novas incorporacións seguen de xeito escrupuloso os criterios de elección que xa emprega o PXOM. Desta forma, os tipos de inmobles que xa están protexidos na zona centro da cidade ou nos Mallos pasarán a protexerse tamén nos restantes barrios. O que estamos facendo é igualar o dereito que teñen os barrios a preservar a súa memoria", dixo, á vez que recordou que algunhas das novas incorporacións derivan de demandas veciñais. A modificación puntual prevista fai fincapé, ademais, nunha reducida serie de edificacións singulares de carácter contemporáneo que contan co recoñecemento unánime do sector profesional. Así, as novas incorporacións homologan o catálogo do PXOM co inventario do DoCoMoMo, a institución internacional de maior autoridade no relativo á preservación patrimonial da arquitectura moderna.
"Con todo, esta é aínda unha primeira proposta que debe seguir a súa tramitación, suxeita como calquera outra a cambios", indicou o primeiro edil. Referido a este tema, a Xunta de Goberno local tamén deu luz verde a que o documento aprobado sexa enviado á Secretaria Xeral de Calidade Ambiental da Xunta, paso necesario para, posteriormente, poder levar a aprobación inicial da modificación ao Pleno municipal.
Ademais, o alcalde salientou outros asuntos de interese que foron aprobados na Xunta de goberno local como é o caso de 11 novas estacións para BiciCoruña que contarán, cada unha, cun mínimo de 16 postos de ancoraxe e 10 bicicletas. Previstas, segundo demanda da propia cidadanía expresada nos Orzamentos Participativos, en Praia de Oza, rúa Pablo Picasso, Mercado de Durmideiras, O Ventorrillo, A Grela, Marineda City, Pocomaco (onde se ubicarán dúas), Parque de Eirís, Someso e Campus de Elviña, este proxecto, que ten un orzamento de 264.000 euros, amplía a liña de actuacións previstas para favorecer o uso da bicicleta como forma accesible de mobilidade. "A intención do goberno local é que, ademais, destas novas 11 estacións, unha vez se apliquen os fondos europeos DUSI, na cidade haxa 46 estacións de aparcadoiro de BiciCoruña, ademais dun parque de bicicletas municipais de máis de 500 dispositivos, a metade deles eléctricos", manifestou.
Do mesmo xeito, a XGL tamén aprobou cambios na ordenanza que regula o prezo dos espazos no viveiro de empresas Accede Papagaio --de forma que se fomentan os proxectos colaborativos, mellorando as tarifas daqueles proxectos que contan con máis dunha persoa-- e deu luz verde á apertura do procedemento de adxudicación das obras mediante as que o Concello dotará de subministro eléctrico os campos de San Pedro de Visma, realizados pola Federación Galega de Fútbol en base a un convenio asinado coa administración local.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible