Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de novembro de 2018

A Xunta de goberno local resolve os trámites previos necesarios que permitirán formalizar con EMVSA a licitación para renovar e ampliar o servizo de BiciCoruña

O departamento de Rexeneración Urbana tramitou 184 expedientes urbanísticos nas últimas dúas semanas, entre os cales figuran 26 licenzas, 72 comunicacións previas ao inicio de obra e 48 de actividade

A Xunta de goberno local resolveu este venres un trámite necesario para impulsar o proceso de renovación e ampliación do servizo municipal de BiciCoruña, no que ten previsto investir case 1,5 millóns de euros e que se enmarca dentro do proxecto EidusCoruña, que está está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixe de desenvolvemento urbano no Programa Plurirrexional de España 2014-2020. "Unha vez aprobada a Expresión de Interese (EDI) deste proxecto, o goberno local iniciou os trámites precisos para acometer o mesmo, que pasa por renovar o parque de bicicletas municipais e ampliar as estacións na cidade, a través da Empresa Municipal de Vivenda (Emvsa). Para iso, en breves días, o Concello establecerá un convenio coa propia Emvsa que posibilitará que esta poida iniciar a pertinente licitación", avanza o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío. Non obstante, para iso, antes é preciso que a Xunta de goberno local revogue o acordo ao que chegou para a instalación de 11 estacións de bicicleta en distintos barrios da cidade. "O que facemos é anular a disposición de gasto que tiñamos reservada para esta actuación, que sumaba 264.000 euros, porque a mesma xa se vai levar a cabo dentro do proxecto ligado a EidusCoruña, que licitará Emvsa e que fará que A Coruña conte con 50 novas estacións de bicicleta e 865 postos de ancoraxe con base de carga, ademais de 300 bicicletas convencionais e 300 eléctricas; un paso importante nunha semana na que as obras do carril bici metropolitano continúan avanzando e acometendo novos tramos", indica Díaz Grandío.

Relacionado tamén coa área de Mobilidade, a reunión do goberno local determinou o mantemento da concesión actual do servizo de transporte urbano até que haxa un pronunciamento do xuíz do contencioso administrativo sobre o plantexamento da cuestión prexudicial arredor da correcta interpretación do regulamento europeo sobre o período de vixencia da adxudicación. Preguntado pola prensa esta mañá, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, enmarcou esta decisión do executivo "nun trámite necesario encamiñado a garantir a máxima seguridade xurídica en todo este procedemento". "A realidade é que pensabamos que a estas alturas xa contariamos cun pronunciamento xudicial sobre este tema, non obstante os tempos da xustiza durante este ano fan que aínda non teñamos unha resolución. Por iso, e ante a precaución de que este asunto tamén poida ser remitido ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, preferimos manter a situación actual. A razón non é outra que a seguridade xurídica", explicou o rexedor.

Por outro lado, e a respecto de ditames do Tribunal de Xustiza Europeo sobre asuntos similares, Ferreiro recordou que "o máis importante no caso da concesión do servizo de transporte público e o que sempre perseguiu o goberno local é, máis alá de que o prazo de vixencia da adxudicación sexa interpretable, que as condicións da concesión se adapten ao regulamento, algo que xa estamos a impulsar a través do acordo tarifario promovido por este goberno e que está á espera de recibir o visto e prace da Comisión de Prezos da Xunta de Galicia".

De recibir o visto bo da Comisión de Prezos autonómica, o billete xeral quedará rebaixado en case un 8%, até os 1,20 euros, mentres que o da tarxeta Millennium baixará preto un 12%, até os 75 céntimos. O billete social reducirase até 23 céntimos, en máis dun 30%, mentres que o billete dos e das universitarias custará 30 céntimos. Por outro lado, o ticket será gratuíto para menores de 13 anos (até o de agora a exención só chegaba a menores de 4 anos), mentres que o transbordo será universal e gratuíto (na actualidade está restrinxido) todas as veces que sexa preciso durante 45 minutos.

Mercados municipais

Noutra orde de asuntos, a Xunta de goberno local tamén outorgou as concesións administrativas pertinentes para a explotación de seis postos nos mercados municipais de Elviña e de Eusebio da Guarda, na praza de Lugo, dentro do segundo concurso de postos baleiros activado polo departamento de Emprego e Economía Social este mandato, que tiña entre as súas premisas favorecer a inserción laboral así como o acceso de pemes, asociacións e empresas de economía social. A este respecto, o concelleiro do ramo, Alberto Lema, destaca o feito de que "na actualidade, moitos dos mercados municipais da cidade estean xa practicamente libres de postos baleiros". "Neste momento, por exemplo, o mercado municipal de Ramón Cabanillas conta só cun posto baleiro, mentres que o de Elviña, onde acabamos de resolver a demanda de colocación dunha máquina de xeo que arrastraban dende hai anos, non hai ningún posto vacante", comenta.

Noutra orde de asuntos, a Xunta de goberno local tamén tomou conta dos expedientes urbanísticos tramitado polo departamento de Rexeneración Urbana nos últimos 15 días menores a 1,5 millóns de euros. Así, entre o 30 de outubro e o 11 de novembro resolvéronse un total de 184 expedientes, entre os que figuran 26 licenzas urbanísticas, 72 comunicacións previas ao inicio de obras, 48 comunicacións previas ao inicio de actividades ou de apertura de establecementos e 23 expedientes de exercicio de actividades en réxime de declaración responsable.

No eido do urbanismo, cómpre destacar tamén a concesión dunha subvención de algo máis de 81.000 euros no marco das axudas de rehabilitación a zonas ARI (Áreas de Rehabilitación Integral) da cidade, neste caso a un dos edificios do grupo de vivendas de Os Mariñeiros. Ademais, a XGL concedeu á sociedade Repsol Petróleo unha licencia para construír unha estación de carga de cisternas de fuel óleo nunha parcela da estrada de Nostián. O prazo para iniciar as obras, que teñen un presuposto estimado en máis de 1,3 millóns de euros, é de 6 meses, cun prazo posterior de 24 para executalas.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión