18 de novembro de 2023
O Palacio Municipal de María Pita acolliu hoxe o acto de entrega dos premios, promovidos polo Concello, a través dos Museos Científicos Coruñeses, desde o ano 1988
Entre as propostas gañadoras recoñeceuse un proxecto sobre a matemática aragonesa María Andresa Casamayor de la Coma, a primeira muller en España en publicar un texto científico que chegou á actualidade
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, participou este sábado no acto de entrega dos XXXVI Premios Prismas, unha iniciativa que promove o Concello a través dos Museos Científicos Coruñeses desde o ano 1988, co obxectivo de impulsar a difusión da cultura científica en España, apoiando o traballo das e dos profesionais especializados na comunicación deste eido, de forma rigorosa e alcanzable para a cidadanía.
Castro puxo en valor "o percorrido e tradición dos Prismas", un certame que, tras 36 convocatorias consecutivas, "consolidouse como o máis prestixioso na súa categoría, un recoñecemento apoiado tanto pola calidade dos traballos premiados como pola composición do xurado que os elixe, formado por profesionais da comunicación científica con criterios actualizados en canto á diversidade de temas como aos formatos nos que se comunica".
Nesta edición dos Prismas premiáronse iniciativas repartidas entre un total de sete categorías (vídeo, novos medios, libro editado, artigo xornalístico, radio, proxecto singular e o Prisma Especial do xurado). Son as seguintes:
Ademais, o xurado decidiu outorgar o Prisma Especial do xurado ao Planetario de Pamplona, pola súa implantación social, o impacto público das súas iniciativas e o nivel de excelencia mantido polo seu equipo ao longo dunha extensa traxectoria. O Planetario de Pamplona, que cumpre agora o seu 30º aniversario, inaugurouse en novembro de 1993 co propósito de divulgar a ciencia utilizando como elemento motivador a astronomía, cunha importante implantación social na súa contorna. Entre as súas iniciativas destaca o proxecto Estrella Cervantes, a coordinación da participación dos planetarios españois na celebración do Ano Internacional da Astronomía, o proxecto Pirineos La Nuit ou a iniciativa Planeta STEM, para fomentar vocacións científicas.
Tamén se decidiu outorgar unha mención honorífica na modalidade de Prisma Especial do xurado a Rogelio Sánchez Verdasco, polo seu infatigable impulso de proxectos colectivos e o enfoque innovador do seu traballo sempre xeneroso. Sánchez Verdasco é técnico de divulgación científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e na actualidade está destinado dentro do CSIC no Instituto Eduardo Torroja.
O xurado decidiu declarar deserto o Prisma ao mellor texto inédito ou autoeditado de divulgación científica.
O xurado dos XXXVI Premios Prismas foi presidido por Elena Lázaro, coordinadora da UCCi na Universidade de Córdoba, e composto por Carolina Llorente, coordinadora do Centro de Estudios de Ciencia, Comunicación y Sociedad na Universitat Pompeu Fabra; Oscar Huertas, técnico de comunicación e divulgación científica no CICA-UDC; Manuel Rey, responsable de comunicación no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); e Socorro Castro, profesora titular de Química Inorgánica na Universidade da Coruña. Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, actuou como secretario.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible