Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de marzo de 2026

Aberto á cidadanía o parque do Observatorio, que suma 2.100 metros cadrados de áreas verdes no barrio da Agra do Orzán

A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe o espazo habilitado a carón da rúa Canceliña, axardinado polo Concello despois de que se concretase a demolición dos antigos muros perimetrais do parque

A cidade da Coruña conta, desde hoxe, cun novo pulmón verde. Tras décadas de demandas veciñais no barrio da Agra do Orzán, este luns abriuse á cidadanía o parque do Observatorio, onde o Concello xa completou os traballos correspondentes á primeira fase de actuacións na superficie axardinada habilitada a carón da rúa Canceliña.

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o parque, onde se actuou ao longo dos últimos meses despois de que o Concello, a mediados do ano pasado, obtivese a cesión dos terreos por parte do Estado. Foi o paso que abriu camiño á demolición dos antigos muros perimetrais que impedían o acceso á contorna do Observatorio da AEMET. Rey estivo acompañada polas concelleiras Noemí Díaz e Nereida Canosa. 

Tras o derrubamento dos peches, e xa na tempada de outono, os servizos municipais iniciaron as tarefas de adecuación da superficie, que comezaron coa nivelación do terreo e o sementado das áreas axardinadas. Agora, o Observatorio conta con máis de 2.100 metros de céspede, 336 unidades de arbusto e 11 novos exemplares de bidueiro.

Non foi, en todo caso, un traballo sinxelo. As semanas de temporales e choiva rexistradas entre xaneiro e febreiro condicionaron as actuacións previstas sobre o céspede, xa que era preciso agardar ao seu crecemento e, posteriormente, proceder á súa sega. De aí que o parque se mantivese pechado ata agora, para evitar o pisado que puidese danar as novas áreas verdes.

"O noso obxectivo era abrir o parque con todas as garantías e xa adaptado para o seu uso inmediato", indicou a alcaldesa, que puxo en valor unha vez máis "a implicación, compromiso e paciencia amosados pola veciñanza do barrio da Agra para que o parque do Observatorio, unha demanda xusta e razoable, pasase de anhelo a realidade". Rey avanzou tamén que nos vindeiros meses instalarase alí unha área de xogos infantís. 

Os primeiros movementos veciñais para demandar a creación do parque remóntanse á decáda dos oitenta, cando as persoas residentes solicitaron máis superficies verdes nun barrio, a Agra, que conta cun dos índices máis elevados en termos de densidade poboacional na cidade e, ademais, pouca superficie dispoñible para novos espazos abertos de uso público.

Neste sentido, a alcaldesa fixo fincapé nos pasos dados polo Goberno municipal á hora de chegar a acordos que posibilitasen a apertura do Observatorio "tamén para que siga gañando terreo no futuro". Rey lembrou, a este respecto, que o parque sumará outros 3.000 metros cadrados grazas ao convenio do soar das Adoratrices, un acordo no que se está a traballar e que irá proximamente a pleno. Esta superficie aproveitarase como área verde e espazo libre de uso público. E, ademais, será urbanizada pola promotora que ostenta a titularidade deste ámbito.

Novos investimentos en marcha no barrio da Agra

Esta mañá, a alcaldesa lembrou que esta primera fase de actuacións no Observatorio, que supón a súa apertura, irá seguida dunha segunda fase máis ampla que buscará tamén incorporar os terreos en cesión de Adoratrices. 

Ademais, o Concello traballa xa en melloras no conxunto do barrio, cunha perspectiva a curto e medio prazo. Tras completar meses atrás as intervencións previstas entre O Peruleiro e a rúa Barcelona, así como na rúa Manuel Deschamps, a semana pasada saíron a concurso as actuacións que se executarán na rúa Páramo e tamén no treito da rúa Agra do Orzán entre a rolda de Nelle e rúa Bellavista.

Isto suporá un investimento de máis de medio millón de euros na Agra do Orzán, onde o Goberno de Inés Rey, a través da primeira fase do Plan de Barrios 2025-27, prevé outros 1,5 millóns de euros en melloras en diversas rúas do barrio, co obxectivo de mellorar os pavimentos, gañar accesibilidade e renovar os espazos públicos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión