15 de xullo de 2026
A proba celebrarase o día 27 e as inscricións poden formalizarse a través da web oficial da organización
O prazo de inscrición para participar na Carreira da Muller da Coruña abre hoxe. A cita celebrarase o domingo 27 de setembro, cando milleiros de participantes volverán percorrer as rúas da cidade nunha das probas deportivas femininas máis multitudinarias de Europa.
As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web oficial da Carreira da Muller, onde tamén está dispoñible toda a información relativa á proba, ao regulamento e ás diferentes modalidades de participación. As inscricións realizaranse exclusivamente de forma telemática e permanecerán abertas ata completar as prazas dispoñibles.
A Coruña volverá ser a sede da parada galega do circuíto nacional da Carreira da Muller, que este ano celebra a súa décimo cuarta edición na cidade. O percorrido, duns 6,5 quilómetros, poderá completarse tanto correndo como camiñando, mantendo o carácter popular e participativo que converteu esta cita nun referente do deporte feminino. Ao remate da carreira celebrarase o tradicional festival de fitness e aeróbic na contorna de Riazor, mentres que a recollida de dorsais, camisetas e da bolsa da corredora terá lugar en Palexco durante as xornadas previas á proba.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que a Carreira da Muller é xa unha das grandes citas do calendario deportivo da cidade e subliñou que "o Concello continuará apoiando iniciativas que promovan a práctica deportiva, a igualdade e os hábitos de vida saudables". Neste sentido, incidiu en que eventos deste tipo "contribúen tamén a dinamizar a cidade e a reforzar a súa posición" como sede de grandes acontecementos deportivos.
A colaboración municipal con esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno de Inés Rey por fomentar o deporte para todas as idades e apoiar eventos que favorecen a participación cidadá e a igualdade a través da actividade física.
A carreira manterá ademais o seu carácter solidario. Parte das inscricións destinaranse á Asociación ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia) e a edición coruñesa volverá dar visibilidade a diferentes proxectos sociais vinculados á saúde e aos dereitos das mulleres. Entre eles figura unha nova edición da iniciativa #laMquefalta, orientada á concienciación sobre o cancro de mama metastásico.
Desde a súa creación en 2004, o circuíto da Carreira da Muller reuniu máis de 1,5 millóns de participantes, consolidándose como o maior evento deportivo feminino de Europa. A Coruña forma parte deste calendario desde hai máis dunha década e volverá converterse, o próximo 27 de setembro, nun punto de encontro para milleiros de mulleres chegadas de toda Galicia e doutras comunidades autónomas.

7 de xullo de 2026

28 de xuño de 2026

19 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible