Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de maio de 2023

Aberto o prazo de inscrición no novo curso de formación gratuíta en ‘big data’ para persoas desempregadas, que comezará o vindeiro luns 29

Ademais, xa é posible solicitar praza no curso de formación en ciberseguridade que oferta o Concello. Terá lugar entre o 11 de setembro e o 13 de outubro e impartirase no Centro Municipal de Emprego

O Concello da Coruña, a través da área municipal de Emprego, abriu o prazo de inscrición nun novo curso de formación gratuíta en 'big data' orientado a persoas desempregadas e promovido ao abeiro do programa 'Actualízate'.

O curso, que comezará o vindeiro luns 29 de maio e terá continuidade ata o 30 de xuño, impartirase nas instalacións do Centro Municipal de Emprego. Terá unha duración de 253 horas e levarase a cabo en horario de 9.00 a 18.00 horas.

Ademais, e como novidade, o Concello acaba de convocar un curso de formación en ciberseguridade, que terá lugar entre os días 11 de setembro e 13 de outubro. A inscrición neste módulo tamén está habilitada, e xa é posible solicitar praza a través da páxina web de  Emprego

En ambos os casos, tanto para o cuarto curso de formación en big data como para a primeira quenda do curso de formación en ciberseguridade, as persoas participantes terán a posibilidade de contar con 12 horas de orientación laboral. Ademais, nas dúas convocatorias consta un compromiso de inserción laboral de seis meses para un mínimo do 25% do alumnado que finalice o programa.

Pódense inscribir todas as persoas residentes no termo municipal da Coruña, en idade de traballar, apuntadas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, sen necesidade de contar con ningunha formación académica previa. Neste sentido, e co obxectivo de diminuír a fenda de xénero existente nas profesións TIC, polo menos un 35% das prazas ofertadas van destinadas a mulleres.

Os obxectivos do programa 'Actualízate'

Con motivo da alta demanda de persoas solicitantes nas anteriores convocatorias, o Concello da Coruña ampliou o abano da oferta formativa dispoñible tanto no eido dos 'big data' como no da ciberseguridade, co obxectivo de dar formación a máis persoas desempregadas e facilitar o seu acceso a postos de traballo que dispoñan dunha estratexia de transformación dixital.

Esta iniciativa é froito do convenio asinado coa UTE Innova Next, SLU e The Valley Digital School SL para o desenvolvemento da formación para o emprego e intermediación no sector da tecnoloxía e a comunicación.

O programa 'Actualízate', xestionado polo Concello da Coruña, está impulsado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). Nos vindeiros meses abrirase a cuarta e última convocatoria do proxecto con 28 novas prazas. Pode solicitarse información a través do Centro Municipal de Emprego e tamén se pode consultar na páxina web do servizo de  Emprego .

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión