Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de setembro de 2026

Abraham Cupeiro e a Orquestra Sinfónica de Galicia estrearán no Coliseum ‘Mythos’, unha das grandes citas culturais de 2027 na Coruña

O espectáculo, única data en España con este formato, ofrecerá tres funcións o 29 de xaneiro e prevé reunir ata 16.000 espectadores

O Coliseum da Coruña acollerá o vindeiro 29 de xaneiro de 2027 a estrea de 'Mythos. Unha viaxe ás estrelas', o espectáculo de Abraham Cupeiro e da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), unha ambiciosa produción que fusiona música ancestral, interpretación sinfónica e tecnoloxía audiovisual nun formato de gran capacidade pensado para chegar a milleiros de persoas. A cita será a única oportunidade para ver este espectáculo en España co formato presentado na Coruña.

O proxecto foi presentado esta mañá no Palacio da Ópera coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o director titular da OSG, Roberto González-Monjas; o director do Coliseum, Javier Rodríguez Díaz; o xerente da OSG, Juan Antonio Cuéllar; e o propio Abraham Cupeiro. A programación incluirá tres funcións nunha única xornada: dúas sesións matinais destinadas ao público escolar e un concerto de tarde aberto ao público xeral. A organización estima que o espectáculo poderá reunir ata 16.000 espectadores ao longo do día, converténdose nun dos grandes acontecementos culturais do ano na cidade. 

O concelleiro Gonzalo Castro destacou que "a celebración de 'Mythos' no Coliseum exemplifica a aposta do Goberno de Inés Rey por facer dos grandes recintos municipais espazos de referencia para a cultura galega, capaces de acoller propostas de máxima calidade e de chegar a públicos moi amplos". O edil sinalou que este proxecto "reúne dous referentes da creación musical galega como son Abraham Cupeiro e a Orquestra Sinfónica de Galicia, demostrando a capacidade da nosa cultura para desenvolver producións de primeiro nivel e competir nos grandes circuítos internacionais".

Castro lembrou ademais que o Concello vén impulsando nos últimos anos unha programación cultural diversificada e accesible, coa vontade de fortalecer a posición da Coruña como unha das principais referencias culturais do noroeste peninsular. "Queremos que os nosos equipamentos municipais sexan espazos para a cultura de proximidade, pero tamén para os grandes eventos capaces de proxectar o talento galego e atraer novos públicos á cidade", indicou.

Un percorrido polas grandes mitoloxías da humanidade

'Mythos. Unha viaxe ás estrelas' propón un percorrido polas mitoloxías de distintas civilizacións, desde Grecia e Roma ata Persia, a India ou o mundo celta, a través dos sons dos instrumentos que Abraham Cupeiro leva anos investigando, recuperando e reconstruíndo. Sobre o escenario soarán instrumentos ancestrais como o karnyx celta, o cornu romano ou o aulos da antiga Grecia, xunto a outras pezas históricas procedentes de diferentes culturas. Todos eles dialogarán coa sonoridade da Orquestra Sinfónica de Galicia nunha proposta artística que une tradición, investigación e creación contemporánea. 

O espectáculo contará ademais cunha produción audiovisual específica para o Coliseum, con deseño de iluminación, proxeccións e elementos visuais creados para acompañar a narrativa musical e transformar o recinto nun gran espazo inmersivo. A actuación da Coruña servirá tamén para presentar por primeira vez en directo dúas composicións inéditas de Abraham Cupeiro que non formaron parte da gravación do disco 'Mythos'. Estas novas pezas incorporaranse ao repertorio do espectáculo no Coliseum, ampliando o universo creativo dun proxecto que naceu nos históricos Abbey Road Studios xunto á Royal Philharmonic Orchestra. 

As entradas para o concerto están dispoñibles a través das plataformas habituais de venda.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión