24 de setembro de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, avanzou que as novas instalacións ofrecerán actividades desde o mes de outubro
A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe xunto coa concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa e a subdelegada do Goberno, Obdulia Taboadela, as novas instalacións da Casa Veeduría, tras o proxecto de rehabilitación de case 3 millóns de euros cofinanciado polo Concello e eo ministerio de Vivenda e Axenda Urbana -1,7 millóns de fondos municipais e 1,3 de fondos estatais- a través do Programa 1,5% Cultural. As instalacións estarán abertas ao público desde hoxe.
"Culminamos o maior investimento público na Cidade Vella en décadas. O renacemento da que xa é a maior superficie de uso público municipal desta zona da Coruña é o maior revulsivo dentro dos plans de revitalización do bario e a súa contorna, desprazando ata aquí non só a empregados públicos senón tamén a persoas usuarias que poderán gozar dos moitos servizos das instalacións", subliñou Inés Rey.
A intervención é unha das rehabilitacións integrais máis importantes por tamaño e investimento das últimas décadas na cidade. Tal e como sinalou Rey, este proxecto "fala do compromiso do Goberno local e tamén do goberno central co patrimonio e coa recuperación e a restauración, respondendo a unha preocupación veciñal que compartimos: a de deixarlle ás seguintes xeracións unha cidade mellor, máis bonita e con memoria".
O novo espazo estará a pleno rendemento en outubro co programa municipal de actividades socioculturais, que inclúe, entre outros servizos, catro niveis de apoio escolar gratuíto, de terceiro de primaria a cuarto de ESO, ademais de programas de actividade física, estimulación cognitiva, competencia dixital, talleres creativos e actividades para a terceira idade como "Maiores en plena forma".
Este edificio histórico do século XVIII achegaralle á Cidade Vella case 2.600 metros cadrados de espazos modernos, públicos e totalmente equipados no que será, entre outras cousas, un renovado e ampliado centro cívico. Ademais de manter todos os espazos dos que o centro xa dispoñía, incorpora agora outros abertos á veciñanza. Entre os novos espazos e servizos inclúense:
Unha aula de estudio de acceso libre, a primeira na Cidade Vella.
Unha nova sala de usos múltiples na planta baixa para actividades propias e préstamo a entidades.
Sala de exposicións, coa recuperación do antigo leñeiro como espazo expositivo.
A sede da Oficina Municipal de Rehabilitación e Vivenda, que tramita as axudas á rehabilitación de edificios do conxunto histórico.
O Servizo de Participación Cidadá e o de Mocidade, con atención ás entidades da cidade, xestión do rexistro municipal de asociacións e desenvolvemento da Escola de Participación.
A Sede temporal da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia artificial na primeira planta, ata que poidan gozar das súas instalacións definitivas na Terraza.
Ademais conta con prestacións recuperadas e melloradas, coma o Salón de Actos, as salas de actividades, a aula de cociña, a hemeroteca e espazo de xogos de mesa, ou o Espazo Diverso, dirixido ao apoio e asistencia a persoas e entidades do colectivo LGTBI e as súas familias, con asistencia especializada e porgramación de actividades, reunións e talleres.
"Trátase da recuperación para a cidadanía dun espazo que, ata o de agora, estaba amplamente infrautilizado. Antes da intervención, tres cuartas partes do inmoble estaban desocupadas. Hoxe, o edificio toma vida de novo. Pasamos dunha ocupación de 649,59 metros cadrados a unha de 2.580,51 metros cadrados", engadiu Inés Rey.
A alcaldesa tamén remarcou a importancia da recuperación destas instalacións no ámbito da memoria histórica, convertendo a que fora a sede do Goberno Militar na cidade nunha zona de participación e lecer para a veciñanza e na sede de institucións e servizos públicos. "Esta é tamén outra forma elocuente de contar a Historia. A reivindicación do común. Da socialización e aproveitamento de lugares que, por xustiza, nos pertencen a todos e todas", rematou.

21 de setembro de 2026

28 de xullo de 2026

22 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible