3 de xullo de 2026
Inés Rey: “Gastón era un símbolo desta cidade. O tiburón co que moitos crecemos e aprendemos a educarnos no amor á natureza
O Aquarium Finisterrae despide a un dos seus habitantes máis emblemáticos, o tiburón touro Gastón. A súa impoñente elegancia e a fortaleza que transmitía cautivou a quenes visitaron a sala Nautilus no acuario coruñés. A súa presenza logrou transformar o temor en admiración, sementando o respecto e o interese polos grandes depredadores oceánicos.
"Creo que todos os coruñeses e coruñesas, ao oír esta noticia, sentimos que, dalgunha forma, perdemos a un amigo. Gastón era un símbolo desta cidade. O tiburón co que moitos crecemos e aprendemos a educarnos no amor á natureza. Unha presenza impoñente que acabou resultándonos tan familiar e próxima que forma parte xa das nosas vivencias", apuntou a alcaldesa, Inés Rey.
Gastón naceu nas frías augas da costa surafricana e chegou con 3 anos de idade ao Oceanópolis, o acuario de Brest. Cando acadou 180 cm de lonxitude e 50 kg, os problemas de convivencia con outros exemplares da súa especie fixeron que os seus coidadores buscaran un lugar onde trasladalo, e así chegou ao Aquarium Finisterrae, en febreiro de 2006, onde viviu estes últimos 20 anos, acadando máis de 2 metros e medio de lonxitude, cunha idade duns 30 anos. En estado salvaxe esta especie adoita vivir uns 15-20 anos.
Tras chegar ao Aquarium Finisterrae -medía entón 2,5 metros de lonxitude e pesaba 120 quilos- permaneceu en corentena durante varias semanas e adaptouse á temperatura das augas atlánticas, pois viña dun tanque tropical. Mantívose nun ambiente de tranquilidade, sen ruídos e con pouco movimento arredor. Tras un tempo, Gastón comezou a comer con normalidade adaptándose con éxito ao novo hábitat. Gañou 20 quilos de peso, sinal de que o proceso de adaptación transcorrera con éxito, polo que se puido incorporar ao tanque da sala Nautilus, do que acabou por converterse na gran etrela.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible