20 de xaneiro de 2016
O concelleiro de Emprego e Economía Social presentou hoxe na feira que se celebra en Madrid un amplo calendario de eventos na cidade, para atraer visitantes ao destino atlántico de referencia durante todo o ano
O concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, Alberto Lema, presentou na mañá deste mércores a oferta turística da Coruña de 2016 no stand de Galicia de Fitur, a Feira Internacional do Turismo que se celebra en Madrid desde hoxe e ata o día 24 deste mes. Lema destacou a aposta de Turismo da Coruña pola gastronomía, a náutica, os congresos e a cultura como liñas estratéxicas, e salientou a súa aposta pola desestacionalización, con eventos repartidos durante todo o ano, para “potenciar un turismo sostible que xere riqueza para a cidade e que mellore a calidade do emprego” no sector, tendo en conta a súa grande importancia na economía da cidade. Na súa intervención, o responsable municipal fixo tamén un chamado ao sector para “seguir cooperando e consolidar un turismo sostible que osixene a economía local e contribúa a crear emprego estable e de calidade” e brindou o seu apoio para traballar conxuntamente nesa liña.
Entre os eventos programados na cidade para este 2016, o responsable municipal fixo mención á celebración da Copa do Rei de baloncesto e a competición de grandes veleiros Tall Ships Races como principais citas turísticas deste ano, no que a cidade tamén acollerá dous congresos sanitarios (os da SECOT e a SemFYC). “A Coruña posiciónase como destino atlántico referente de turismo de congresos, turismo náutico e turismo gastronómico”, reivindicou o presidente de Turismo da Coruña durante a súa presentación. No tocante ao turismo gastronómico, o concelleiro explicou que A Coruña se promocionará por primeira vez en Madrid Fusión (do 25 ao 27 deste mes), coa cociña atlántica como reclamo. Neste congreso gastronómico de ámbito internacional, A Coruña presentará un calendario que comeza o mes que vén coas Primeiras Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos, “Lacónicas”, do 1 ao 21 de febreiro. En setembro terá lugar a XIII edición do Concurso de Tapas Picadillo e en decembro, as segunda edición do Festival Boucatise do Bocadillo Gourmet. Lema detallou que estes eventos se realizan co apoio da Asociación de Destinos Gastronómicos Saborea España, dentro da cal A Coruña é o único destino galego que asiste a Madrid Fusión. En resumo, “un calendario de eventos gastronómicos polos que paga a pena facer unha escapada para gozar de A Coruña en calquera momento do ano e apuntarse ao estilo de vida atlántico”, dixo, incidindo na idea do “turismo gastronómico como eixe estratéxico na promoción de A Coruña como destino”.
Copa do Rei da ACB e porto final da Tall Ships Races
A Copa do Rei de baloncesto, do18 ao 21 de febreiro, será, segundo adiantou o concelleiro de Emprego e Economía Social, a primeira gran cita do ano.Lema recordou durante a súa intervención que os abonos que saíron á venda esgotáronse en menos dunha semana. Agárdase, “un importante impacto económico, tendo en conta que se trata dun evento cun gasto medio diario por aficionado elevado”, valorou. Como tamén lembrou, Turismo da Coruña regala unha tarxeta Coruña Card con cada un dos 7.200 abonos aos partidos, que por outra banda poderán gozar de “Lacónicas”. Por outra banda, fixo referencia tamén a importancia deste evento a nivel de promoción da cidade tanto en España como nos cen países do mundo aos que será retransmitido o torneo.
En agosto A Coruña acollerá outro evento a nivel deportivo e de espectáculo. A competición de grandes veleiros Tall Ships Races terá este ano a súa escala final na Coruña, despois dunha singradura de preto de un mes con escalas nos portos de Amberes, Lisboa e Cádiz. Os buques escola permanecerán atracados catro días dende o 11 de agosto, cun programa de actividades lúdicas en terra que se integrará no programa de festas de María Pita con propostas “non só de espectáculo, senón tamén con peso cultural e educativo”. “Este evento sitúa A Coruña no primeiro plano do turismo náutico”, salientou Lema diante dos e das representantes do sector, aos que amosou o compromiso de Turismo de A Coruña para impulsar os deportes náuticos e acuáticos. A este fin contribuirá a integración, este ano, da Coruña dentro da Asociación Española de Estacións Náuticas.
O titular de Turismo puxo tamén en valor a capacidade da Coruña captar importantes congresos. Para este ano están fixadas en Palexco dúas importantes citas profesionais do ámbito sanitario con arredor de 3.000 asistentes cada unha. Do 9 ao 11 de xuño reúnese en a Sociedade Española de Medicina de Familia y Comunitaria (semFYC). Do 28 ao 30 de setembro, congrégase a Sociedade Española de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, cuxos integrantes poderán gozar das propostas do concurso de tapas Picadillo. O turismo de congresos é, como recordou Lema, outra das liñas estratéxicas impulsadas dende o Consorcio polo elevado gasto medio diario deste tipo de visitantes e pola “posición privilexiada” da cidade para captar este público, grazas a que dispón das infraestruturas, os servizos, a notoriedade, a experiencia, a rede profesional e a proposta de lecer axeitadas.
Un Noroeste máis potente e máis festas nos barrios
O presidente de Turismo de A Coruña tamén aludiu durante o seu discurso en Fitur á vertente máis lúdica da Coruña, esa “cidade alegre que invita a andar de parranda e durmir de pé”, cun percorrido polas festas que comezan deseguido co Entroido, e informou tamén ao sector turísticos das dúas campañas de promoción e comercialización online que o Consorcio porá en marcha para incrementar a ocupación hoteleira e a atracción de visitantes, con motivo da Semana Santa e do San Xoan coruñés, declarado Festa de Interese Turístico Internacional e que este ano é festivo en toda Galicia. Para as festas de María Pita, ademais da novidade da escala final da Tall Ships Races, Alberto Lema adiantou que se “potenciará aínda máis o festival Noroeste”, que o ano pasado congregou a máis de 40.000 persoas nos concertos da praia de Riazor e os novos emprazamentos da súa versión expandida: a praza de San Nicolás, As Bárbaras e o castelo de San Antón. “Tamén reforzaremos a programación en todos os barrios da cidade, para que a festa resoe en todos os recunchos da Coruña”, engadiu.

18 de decembro de 2025

9 de decembro de 2025

26 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible