10 de febreiro de 2016
O concelleiro de Emprego e Economía Social lembra que o documento conta co apoio do sector e foi elaborado en colaboración coas praceiras e o resto de partidos políticos da corporación
O Goberno local levará mañá ao Pleno da corporación municipal a aprobación inicial da nova ordenanza de mercados que, como salienta o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, supón “un paso previo e imprescindible para revitalización destas infraestruturas”. “Esta ordenanza é o primeiro paso para avanzar nesa dirección”, indicou na mañá deste mércores o responsable municipal, para sinalar que a ordenanza é necesaria para sacar a licitación os 50 postos baleiros dos mercados, como prevé facer o Goberno municipal este mesmo ano, algo que non ocorre, apunta, desde 1993. Neste sentido, Lema destaca tamén a partida específica que se recolle no proxecto de Orzamentos do Goberno local para a revitalización e dinamización destes núcleos comerciais, “o que supón unha novidade, xa que non se contemplaban nas contas do ano pasado”, e pide aos grupos municipais “responsabilidade, para pensar no ben común da cidade antes que nos intereses dos propios partidos políticos”.
A regulación que mañá se somete ao Pleno, lembra tamén o responsable municipal desta área, é froito dun proceso de traballo que contou “cunha importante participación do propio sector”, que foi chamado a consulta e debate en tres ocasións durante a elaboración da ordenanza, na que se incorpora a “práctica totalidad” de achegas formuladas polas praceiras, a excepción daquelas de imposible aplicación pola súa ilegalidade. A este respecto, o concelleiro destaca o “apoio” que suscita a proposta que mañá vai a Pleno, en cuxa elaboración tamén participaron os grupos municipais na oposición, que forman parte da comisión informativa de Economía, que a finais de xaneiro presentou aos e ás traballadoras das prazas municipais o proxecto de ordenanza. Como observa Lema, ningún deles votou na comisión en contra do texto, no que se incluíron as súas propostas.
Da nova ordenanza, o concelleiro destaca que se asenta sobre os principios do dereito de bens públicos, ao revés que a norma precedente –aprobada en 2006 e fundamentada sobre o ámbito privado–, e que outorga preferencia á xestión directa dos mercados por parte do Concello e ao procedemento do concurso na licitación das concesións, por diante do de poxa. Lema alude tamén ao feito de que a norma servirá para regularizar a situación dos e das vendedoras precaristas e pon o til no tope máximo que o texto establece, de dous postos por persoa concesionaria, “para favorecer a competencia interna e impedir o acaparamento”.
Entre os asuntos que serán levados ao Pleno de mañá está tamén, ademais da aprobación inicial desta ordenanza, a adhesión do Concello da Coruña á Rede Innpulso de Cidades da Ciencia e a Innovación (ARINN), coa aceptación dos estatutos desta asociación, ou a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM de 2013 para a incorporación de elementos do Patrimonio Cultural, do Camiño de Santiago Inglés e outros elementos arqueolóxicos na rúa Casanova de Eirís e a avenida dos Caídos / avenida da Concordia, entre outros.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible