Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de abril de 2024

A alcaldesa anunciou a homenaxe, que terá lugar o vindeiro xoves 2 de maio ás 19.00 horas na futura “Travesía Arsenio Iglesias”, xunto á Torre de Maratón, con motivo do primeiro aniversario do seu falecemento

Arsenio Iglesias contará cunha rúa en Riazor, entre a avenida da Habana e a rúa Manuel Murguía

Inés Rey: “É o momento de facerlle esta homenaxe a quen é o gran mito do pobo coruñés e o gran mito de Galicia”

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que Arsenio Iglesias Pardo contará cunha rúa en Riazor, tal e como se comprometera en marzo de 2020 co nomeamento da lenda do Real Club Deportivo co título de 'Fillo Adoptivo' da cidade. O vindeiro 5 de maio farase un ano do seu falecemento, que reuniu a milleiros de persoas nun emotivo velorio no estadio de Riazor. Con motivo desta efeméride, o Goberno municipal quixo dedicarlle unha rúa a quen foi un dos máis queridos adestradores do Deportivo. "Nestes días de exaltación branquiazul, de deportivismo e de coruñesismo por toda a cidade, cremos que son as mellores datas para poder facelo realidade", explicou a alcaldesa.

O acto terá lugar o vindeiro xoves 2 de maio ás 19.00 horas na futura "Travesía Arsenio Iglesias", o paso que une a avenida da Habana coa rúa Manuel Murguía xunto á Torre de Maratón, "aquela onde se fraguou ese marabilloso idilio entre Arsenio e a xuventude coruñesa, o lugar onde gozamos das vitorias do noso Dépor", sinalou Inés Rey.

Arsenio foi unha das figuras máis destacadas do Real Club Deportivo nos seus 116 anos de historia, sendo o adestrador que máis partidos oficiais dirixiu do primeiro equipo, con 568. Como xogador, disputou un total de 146 partidos e anotou 34 goles. Para o recordo sempre quedarán a heroica salvación do descenso a Segunda B na tempada 1987-1988, o ascenso a Primeira División ante o Real Murcia no 1991, o subcampionato de Liga no curso 1993-1994 e a Copa do Rei de 1995, segundo título oficial do club. Ademais, unha vez retirado, foi director das Escolas Deportivas Municipais de Fútbol Base.

Esta iniciativa súmase ás postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para o recoñecemento de Arsenio Iglesias, como foi o renomeamento da Cidade Deportiva da Torre como Cidade Deportiva "Arsenio Iglesias" en decembro de 2020. "É o momento de facerlle esta homenaxe a quen é o gran mito do pobo coruñés e o gran mito de Galicia", concluíu a alcaldesa, que animou os coruñeses e coruñesas a asistir á cita do vindeiro xoves 2 de maio.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión