5 de setembro de 2026
A programación incorporará actividades piloto e xornadas de portas abertas para avaliar novas propostas antes da súa implantación estable
O novo servizo permitirá dixitalizar os procesos de matrícula e asistencia e mellorar o seguimento da ocupación dos grupos e das listas de espera
As Escolas Deportivas Municipais inician estes días unha nova etapa coa posta en marcha dun modelo de xestión orientado a modernizar o servizo, mellorar a atención ás persoas usuarias e adaptar progresivamente a oferta deportiva ás necesidades da cidadanía.
O Concello puxo fin ao anterior contrato de prestación do servizo e, mentres se tramitaba a nova licitación, realizou unha encomenda de xestión á EMVSA para garantir a continuidade das actividades. Unha vez finalizado o procedemento de contratación, a empresa Salzillo Servicios Integrales asumirá a prestación do servizo e comezará a implantar o novo modelo de xestión.
"Queremos aproveitar esta nova etapa para modernizar as Escolas Deportivas Municipais e ofrecer un servizo cada vez máis adaptado ao que demandan as familias e as persoas usuarias", sinalou a alcaldesa, Inés Rey. "As escolas son unha ferramenta fundamental para fomentar a práctica deportiva e queremos seguir mellorándoas, cunha oferta atractiva, inclusiva e de calidade", engadiu.
Unha das principais novidades será o reforzo das ferramentas dixitais para facilitar tanto a relación coas persoas usuarias como a planificación das actividades. Entre as liñas de traballo previstas están a mellora e dixitalización dos procesos de matrícula e renovación, o control dixital da asistencia e un seguimento máis detallado da ocupación dos grupos e das listas de espera.
Esta información permitirá coñecer mellor o funcionamento das diferentes actividades e facilitará a toma de decisións sobre a programación, identificando aquelas disciplinas nas que existe unha maior demanda ou nas que é necesario introducir modificacións.
Novas actividades e programas piloto
A nova etapa das Escolas Deportivas Municipais contempla tamén a posta en marcha de actividades piloto e xornadas de portas abertas. O obxectivo é probar novas propostas deportivas e coñecer a súa aceptación entre a cidadanía antes de incorporalas de maneira estable á programación municipal.
A oferta técnica presentada pola adxudicataria inclúe, entre outras propostas, novas actividades relacionadas cos deportes urbanos e acuáticos, iniciativas destinadas ás familias e programas específicos para persoas maiores e persoas con discapacidade.
O Concello reforzará tamén a avaliación da calidade do servizo mediante enquisas de satisfacción, indicadores de ocupación e asistencia, informes periódicos e ferramentas dixitais de seguimento.
Deste xeito, as Escolas Deportivas Municipais avanzarán cara a un modelo máis moderno, eficiente e inclusivo, no que o coñecemento da demanda e dos niveis de participación permita adaptar progresivamente a programación e mellorar a experiencia das persoas usuarias.
Esta renovación forma parte da aposta do Concello da Coruña polo fomento da actividade física e do deporte de base, que se complementa con programas municipais como Coruña Corre, Coruña en Forma ou Coruña no Mar, así como co apoio ás competicións e eventos deportivos que se desenvolven ao longo do ano na cidade.

1 de setembro de 2026

31 de agosto de 2026

31 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible