18 de xuño de 2026
Os festexos, integrados nas Festas nos Barrios, ofrecen dous programas completos con actividades para todos os públicos, actuacións musicais e propostas comunitarias
A cidade da Coruña vivirá esta fin de semana dúas citas destacadas co lecer e a vida de barrio: o Ventorrillo Orgulloso, o sábado 20, e a Festa do Martinete, os días 20 e 21 de xuño. Ambas iniciativas, promovidas polo tecido veciñal e integradas no programa das Festas nos Barrios do Concello, apostan por encher as rúas de actividade, convivencia e cultura popular, con propostas abertas a toda a cidadanía. O Goberno de Inés Rey vén de impulsar, por segundo ano consecutivo, un sistema de axudas ás entidades veciñais para a organización dos seus festexos patronais.
No Ventorrillo, a celebración terá un marcado carácter reivindicativo e festivo arredor da diversidade. Baixo o lema "Orgullo de barrio, orgullo de todes", o programa comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú a cargo de The Feedback. Pola tarde, un dos pratos fortes será a presenza da drag La Brillos, con dous pases ás 17.30 e 18.30 horas, intercalados coa lectura do manifesto dos colectivos LGTBIQ+ ás 18.00 horas. A xornada continuará coa actuación musical de Zeltia e May ás 19.15 horas.
A programación complétase con iniciativas paralelas como un churrasco popular, un mercadillo de artesanía, unha exposición de murais realizados nos últimos anos no barrio e a presenza dun servizo de probas rápidas de VIH, reforzando o carácter inclusivo, social e comunitario do evento.
Pola súa banda, a Festa do Martinete desenvolverase durante dúas xornadas na rúa Mozart, cun amplo programa pensado para compartir e facer comunidade. O sábado 20 arrincará cunha andaina popular ao Castro de Elviña (11.00 h), seguida do pregón (13.00 h) e dunha sesión vermú con actuación musical. Pola tarde haberá churrascada (15.00 h), xogos para a cativada (16.00 h) e, xa á noite, concertos coa banda Clandestinos (22.00 h) e música con DJ Javito (00.00 h).
O domingo 21, a festa continuará cun pasacalles ao mediodía (12.00 h) e unha nova sesión vermú amenizada pola banda The Nunzias (14.00 h). A tarde estará protagonizada pola música de DJ Javito (15.30 h) e unha festa da espuma (16.30 h), perfecta para pechar a fin de semana en ambiente festivo.
"Ambas celebracións exemplifican a vitalidade do movemento veciñal coruñés e a súa capacidade para organizar eventos que combinan cultura, lecer e participación cidadá", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Durante toda a fin de semana, barrios como o Ventorrillo e o Martinete converteranse en puntos de encontro onde compartir, gozar e fortalecer os lazos comunitarios.

18 de xuño de 2026

17 de xuño de 2026

12 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible