18 de xullo de 2026
O Concello avanza coas actuacións previstas na remodelación dos Cantóns, co foco posto agora na praza de Mina e a súa contorna
Este luns, 20 de xullo, entrarán en servizo as novas paradas do transporte urbano no Obelisco e o Copacabana, onde xa son visibles as marquesiñas que se incorporaron á plataforma de agarda das persoas usuarias.
A posta en marcha destas dúas paradas -onde este venres se estaban a ultimar as tarefas de cobertura- é necesaria para continuar co plan de traballos previsto no Cantón Pequeno e a praza de Mina, onde se anularán provisionalmente as paradas de transporte urbano alí existentes para facilitar o avance das obras, que incluirán tamén a remodelación das propias paradas para que, a posteriori, volvan a estar operativas.
Por iso, nesta fase, está previsto que tanto a parada do Obelisco como a do Copacabana concentren o tránsito das persoas usuarias do autobús urbano que fan uso do servizo nos Cantóns como punto de saída ou destino.
Desta forma, o Concello avanza coa folla de ruta prevista na remodelación dos Cantóns, onde esta semana tamén se traballou no pavimentado inicial do novo carril-bici que bordea os xardíns de Méndez Núñez e, ademais, na disposición da capa de rodadura nos carrís destinados ao paso do tráfico rodado.
Ambas as actuacións permiten dar un paso máis no plan de traballos no Cantón Grande, onde tamén se están a dar pasos firmes na construción da nova saída do aparcadoiro subterráneo e, ademais, a creación do futuro ascensor que conectará a superficie cos sotos do aparcadoiro, situado fronte á sede da Fundación Barrié e cuxa estrutura xa é visible.
A instalación deste ascensor, que non existía anteriormente, suporá unha mellora de accesibilidade substancial con respecto ás conexións previas coa área de estacionamento, "xa que permitirá dar resposta ás necesidades das persoas con mobilidade reducida ou a subida e baixada dos carriños das crianzas", tal e como subliñou a alcaldesa, Inés Rey, quen recordou que as obras avanzan nos prazos previstos e que os novos Cantóns terán menos asfalto, máis verde e mellor accesibilidade unha vez estean rematados os traballos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible