20 de xullo de 2025
A superficie, de máis de 1.500 metros cadrados, incluirá espazos individuais para a práctica deportiva de calistenia, break e bailes urbanos, baloncesto, ping-pong, xadrez e tamén un pequeno rocódromo
Entre finais de agosto e principios de setembro arrincarán as obras de construción da nova área de ocio xuvenil que o Concello habilitará no barrio de Novo Mesoiro, incrementando así os espazos de goce para a mocidade nun dos distritos da cidade que conta con máis familias novas. A nova área de ocio forma parte do paquete de melloras deseñadas para o barrio polo Goberno de Inés Rey.
A actuación está na súa última fase de licitación, segundo informou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e nos vindeiros días está prevista a sinatura do contrato.
Unha vez que se formalice a adxudicación, abrirase un prazo de execución de seis meses para crear esta nova área de ocio xuvenil, que estará situada nunha área axardinada en desuso situada tras os bloques de vivendas da rúa Ribeira Sacra e o rego de Moitos. Terá unha nova superficie de máis de 1.500 metros cadrados e incluirá espazos individuais para a práctica deportiva de calistenia, break e bailes urbanos, baloncesto, ping-pong, xadrez e tamén un pequeno rocódromo.
Haberá espazos delimitados para cada disciplina, mais todos eles estarán interconectados con percorridos accesibles e, no caso da área para break, a previsión do Concello é que haxa unha cuberta protectora en forma de xeoda, óptima para o desenvolvemento de actividades ante condicións meteorolóxicas adversas.
En total, o Concello destina máis de 230.000 euros a esta actuación en Novo Mesoiro, un barrio que tamén contará, a futuro, coa primeira fonte lúdica ao aire libre da Coruña. Esta actuación, que suporá un investimento engadido de 132.000 euros, está actualmente en fase de licitación.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible