24 de abril de 2025
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este xoves na xornada inaugural, que contou coa actuación musical de Adya Khanna Fontenla e Clara Giner
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este xoves na xornada inaugural do festival RESIS, referente nacional da música contemporánea, que ofrecerá durante 30 xornadas actuacións xenuínas e abertas á cidadanía en diferentes espazos da cidade. O acto, celebrado no Club Cámara Noroeste, contou coa actuación musical de Adya Khanna Fontenla e Clara Giner.
"A riqueza cultural da Coruña mídese na ampla variedade de accións singulares que promovemos desde o Goberno de Inés Rey e o RESIS é un deses acontecementos dos que nos sentimos orgullosos da súa evolución e da repercusión que está tendo máis alá da nosa cidade", sinalou Gonzalo Castro. O RESIS dará comezo este venres, 25 de abril, no Teatro Rosalía de Castro, co concerto de Arxis Ensemble xunto ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.
O festival de referencia da música contemporánea, RESIS 2025, chega á súa VIII edición coa presenza de artistas internacionais e prestixiosas agrupacións como son Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble, Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia ou a Banda Municipal; directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas ou Javier Fajardo; solistas como Viriginia Guidi, Florian Hoelscher ou Florentin Ginot, ou o creador de metasistemas Rubén Panete.
Sen perder de vista o labor das creadoras e compositoras, a edición deste ano contará coas obras de Clara Iannotta, Raquel Buj, Esther Pérez Soriano, Luz Arcas, Sarah Nemtsov, entre outras. Afianzando o seu firme compromiso polo fomento da nova creación española, o compositor e director do festival Hugo Gómez-Chao Porta e a deseñadora experimental Raquel Buj estrearán KARST na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval, obra que tamén será representada no Festival Nuova Consonanza en Roma, coa participación da coreógrafa e bailarina Premio Nacional de Danza 2024, Luz Arcas.
Asemade, o RESIS, na permanente aposta pola educación e a inclusión, realizará actividades de carácter formativo interdisciplinar. O III Panel de lectura de partituras RESIS.LAB, destinado a mozos e mozas compositores e compositoras, é un proxecto didáctico e pedagóxico que, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e baixo a dirección do recoñecido compositor José María Sánchez-Verdú, culminará cun concerto dirixido por Jordi Francés no Auditorio de Galicia de Santiago.
Seguindo esta liña de actuación, levarase tamén a cabo Proxección Sonora IV, aproximando a música contemporánea ás persoas con diferentes capacidades e favorecendo así o acceso igualitario.
O RESIS, cunha programación experimental e híbrida, desenvolverá ao longo destes 30 días concertos, arte sonora, tecnoloxía e dixital, exposicións, cine, masterclasses, coloquios e conferencias que se encadrarán nunha ducia de espazos de alto nivel patrimonial, arquitectónico e paisaxístico no centro da cidade da Coruña. As entradas aos concertos e actividades serán gratuítas, reservándose en ataquilla.com ou de maneira presencial no quiosco da Praza de Ourense. Toda a programación pode ser consultada na páxina web www.resisfestival.gal.
Espazos de Intervención
Unha das singularidades do Festival RESIS en todas as súas edicións son os espazos singulares nos que se organizan os concertos, workshops e performance, recorrendo este ano a Igrexa das Capuchinas, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón, o Palacio da Ópera, o Museo de Belas Artes da Coruña, a DOMUS e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía MUNCYT. E, ademais, a Igrexa de Santo Domingo de Bonaval, a Cidade da Cultura e o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela; o Círculo de Belas Artes e o Instituto Goethe, en Madrid; o Teatro Pelanda Matatoio en Roma (Italia) no Festival Nuova Consonanza, e en Alte Mühle en Rathenow (Alemaña).
19 de maio de 2025
15 de maio de 2025
13 de maio de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible