2 de febreiro de 2024
A Banda Municipal de Música interpretará un concerto no Teatro Colón cun repertorio especial para a ocasión
Os actos comezan este sábado 3 co primeiro concurso de comparsas e complétase cunha variada oferta en centros cívicos, museos e outros espazos municipais
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá a programación do Entroido da Coruña, que comeza este mesmo sábado, 2 de febreiro, coa celebración do concurso de comparsas na modalidade de música e letra, a partir das 18.00 horas, no Centro Sociocultural Ágora, e que estará presentado polo cómico David Amor. No acto, que tivo lugar no Palacio Municipal de María Pita, estivo presente unha representación das asociacións e comparsas da cidade, contando con membros de Pantaleón, Maracos, Monte Alto a 100, Amigos da Xoldra, Kilomberos de Monte Alto e Malandros.
"Como todos os anos, non faltarán os habituais espectáculos e concursos ou a lembranza para os nosos choqueiros ilustres, mais tamén contaremos con actuacións musicais de gran nivel para trasladar a festa á praza de María Pita ou ao Teatro Colón", sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. Serán, en total, dez xornadas de festexos, entre este sábado 3 e o sábado 17.
As principais novidades da programación serán as actuacións musicais de Carlangas y Los Cubatas e Kumpania Algazarra, que terán lugar na praza de María Pita. A formación portuguesa Kumpania Algazarra amenizará a xornada do sábado 10 de febreiro, cando se celebrará o desfile de comparsas e carrozas a partir das 17.30 horas. Dito desfile pasará por San Andrés, A Mariña e rematará en María Pita, onde actuará Kumpania Algazarra ás 17.45 horas e, xa á noite, ás 21.30 horas. Esta banda conta con 20 anos de traxectoria, combinando no seu repertorio estilos como ska, funk ou ritmos latinos.
Por outra banda, Carlangas y Los Cubatas actuarán o luns 12 a partir das 21.00 horas en María Pita. Trátase da nova formación do cantante do grupo compostelán Novedades Carminha, que presentará 'Bailódromo vol. 1', o seu novo proxecto discográfico. Antes, o domingo 11, haberá a partir das 12.00 horas no Teatro Colón unha actuación especial da Banda Municipal de Música, baixo o título 'Unha Banda de Entroido'.
Tal e como anunciou a alcaldesa, este ano o Xoves de Comadres estará dedicado á figura de Ángela Labaca, filántropa coruñesa que fundou a escola que hoxe leva o seu apelido en Juan Flórez. Desde alí sairá a comitiva a partir das 20.00 horas o xoves 8. Rematarán o percorrido na praza de María Pita, como é habitual.
Inés Rey fixo especial fincapé nos actos que se celebrarán o Martes de Entroido, o 13 de febreiro, no que "se manterán as liturxias habituais dun día tan sinalado para coruñeses e coruñesas". Haberá homenaxes e ofrendas florais a Cantero, Canzobre, Palau e César, ademais da colocación da placa de Choqueira do Ano, que este 2024 recae en Jesusa Cabeza García, 'Susa', na rúa de San Xosé a partir das 13.30 horas.
Xa pola tarde, celebraranse os tradicionais concursos infantís de disfraces e choqueiros no Campo da Leña a partir das 17.00 horas. Xa ás 20.00 horas comezará o concurso de choqueiros e choqueiras da rúa da Torre, onde actuarán ao finalizar Los Piñeiros.
De novo, o Circo de Artesáns acollerá durante todas as xornadas de Entroido o velorio da sardiña, ás 23.15 horas cada día. Tamén se proxectará todos os días no propio Circo de Artesáns o documental de Omar Rabuñal 'Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto', a partir das 22.00 horas.
O Enterro da Sardiña comezará o mércores 14 ás 20.30 horas en San Andrés, rematando, como é tradición, en Santo Amaro. Pechará o Entroido coruñés unha ruada das comparsas do Cantón Pequeno á praza de Azcárraga o sábado 17 ás 13.00 horas. "Serán, en definitiva, dez días de alegría e festexos nos que teremos a oportunidade de gozar como nunca dun Entroido moi noso", sinalou a alcaldesa.
Festas e obradoiros nos centros cívicos
A programación de actividades de Entroido promovidas polo Concello chegará nos vindeiros días aos Centros Cívicos Municipais (CCM), con obradoiros e festas infantís orientadas ao gozo das crianzas e as súas familias nestas datas festivas. Neste sentido, o Goberno de Inés Rey ten previsto un amplo abano de iniciativas ideadas para nenas e nenos en idade de 4 a 12 anos.
O calendario de Entroido nos CCM da Coruña comezará o venres 9 de febreiro, coas primeiras festas infantís. Terán lugar en horario de tarde, nos centros cívicos da Cidade Vella, Palavea e Elviña (17.30 a 20.30 horas) así como no pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro (19.00 a 22.00 horas).
Xa o sábado 10, as festas infantís de Entroido chegarán aos centros cívicos de Monte Alto, Monelos e Os Rosales (17.30 a 20.30); o domingo 11, aos centros cívicos dos Mallos e Labañou (16.30 a 19.30) e Eirís (17.30 a 20.30); e o luns 12, aos centros cívicos do Castrillón, Novoboandanza e San Diego (17.30 a 20.30).
A asistencia ás festas será de balde, sendo preciso formalizar inscrición previa no centro cívico de referencia. As entradas adxudicaranse por orde de inscrición ata completar capacidade.
Obradoiros creativos e musicais de Entroido para as crianzas
En paralelo ás festas, os Centros Cívicos Municipais tamén abrirán as súas portas a talleres infantís de Entroido, ideados para a rapazada en idade de 4 a 12 anos. As actividades terán lugar o sábado 10 e o luns 12 de febreiro.
Haberá dúas modalidades de talleres: o primeiro, os obradoiros musicais, e o segundo, os obradoiros creativos, unha proposta lúdica na que as e os pequenos participantes poderán explorar a súa imaxinación e amosar a súa personalidade a través da confección de disfraces orixinais.
As datas e horarios dos talleres son os seguintes:
Sábado 10 de febreiro
Luns 12 de febreiro
Ao igual que no caso das festas infantís, a asistencia aos obradoiros será de balde, sendo preciso formalizar inscrición previa no centro cívico de referencia.
'Mascarada no Castelo'
O Castelo de San Antón tamén súmase ao Antroido coruñés co obradoiro creativo 'Mascarada no Castelo', que se celebrará o vindeiro sábado 10 de febreiro e está orientado a nenos e nenas de 6 a 12 anos.
Por medio de xogos participativos, as e os asistentes poderán desenvolver o seu talento creativo coa confección e reinterpretación das máscaras tradicionais do Entroido galego, o que lles permitirá ás pequenas e pequenos coñecer polo miúdo as vestimentas dos peliqueiros, cigarróns e pantallas.
A oferta para o taller é de 20 prazas e a asistencia será de balde, mais será preciso formalizar inscrición previa. Adxudicaranse por orde de reserva, ata completar o máximo de prazas. As solicitudes deberán tramitarse por vía telefónica, ao número 981 189 850 do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón. Esta liña estará operativa de martes a sábado, en horario de 10.00 a 19.30 horas.
Actividades para a mocidade
Completan a oferta do Entroido do Concello diferentes obradoiros e actividades organizados polo servizo municipal de Mocidade nos espazos do Remanso e Metrosidero. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey busca que a oferta destas festas implique a todo o conxunto da cidadanía con iniciativas de ocio saudable para mozos e mozas.
A primeira delas será un obradoiro de maquillaxe para o entroido, que terá lugar os días 3 e 9 de febreiro nas naves de Metrosidero, en horario de 18.00 a 19.30 horas. No Remanso, o martes 6 haberá, de 18.00 a 21.00 horas, un obradoiro de maquillaxe de fantasía para persoas de 12 a 30 anos de idade. Por último, tamén haberá un taller de artesanía para o Entroido, os días 6 e 8, nas naves do Metrosidero.
As inscricións, de balde e ata completar capacidade, pódense formalizar nos propios espazos ou na páxina web de Mocidade do Concello da Coruña.
13 de febreiro de 2024
12 de febreiro de 2024
11 de febreiro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible