Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de xullo de 2025

Carlos Núñez ofrecerá unha dobre actuación especial no castelo de San Antón o 27 de xullo

O artista de música galega máis internacional fará parada na cidade dentro da súa xira Lugares Máxicos

O músico vigués Carlos Núñez ofrecerá un concerto especial no castelo de San Antón o vindeiro domingo 27 de xullo dentro da súa xira Lugares Máxicos, coa que percorre espazos emblemáticos e de gran valor patrimonial de Galicia e España. "Desde o Goberno de Inés Rey continuamos promovendo eventos culturais únicos na cidade, aproveitando os nosos espazos máis emblemáticos, como este castelo de San Antón", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

O domingo 27 de xullo haberá dúas actuacións de Carlos Núñez no castelo de San Antón, unha ás 19.30 e outra ás 21.30 horas. As entradas para ambos concertos xa están á venda e poderanse adquirir a través do despacho de billetes da praza de Ourense e a plataforma en liña Ataquilla.

Carlos Núñez é un dos músicos galegos máis recoñecidos a nivel internacional, especialmente no ámbito da música celta. Comezou a tocar a gaita con apenas 8 anos, e xa aos 12 actuaba en festivais internacionais como o Intercéltico de Lorient, en Bretaña. 

A súa carreira deu un gran paso adiante ao colaborar coa emblemática banda irlandesa The Chieftains, cos que gravou e xirou durante anos. En 1996 publicou o seu primeiro disco en solitario, 'A Irmandade das Estrelas', un traballo pioneiro que achegou a música celta galega a públicos de todo o mundo e acadou o disco de platino en España. Ao longo da súa traxectoria, Carlos Núñez publicou numerosos discos -como 'Os Amores Libres', 'Alborada do Brasil', 'Inter-Celtic' ou o recente 'Celtic Sea'-, nos que fusiona tradición galega con influencias de Irlanda, Bretaña, Escocia, Brasil ou o flamenco. 

Recoñecido como embaixador da cultura galega, recibiu distincións como a Medalla Castelao (2013) e a Medalla de Ouro de Galicia (2023). Coa súa xira Lugares Máxicos, Núñez percorrerá diferentes espazos emblemáticos como o Castelo de San Antón durante este verán. Deste xeito, o Concello volve abrir un dos seus espazos máis emblemáticos a nivel patrimonial á música ao vivo, como fai cada ano no Festival Noroeste Estrella Galicia, ofrecendo experiencias musicais únicas nun formato reducido.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión