25 de xullo de 2026
Carta da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, con motivo do Día de Galicia
A Coruña sempre está á fronte cando se xoga o progreso de Galicia. Esa é a vocación histórica da cidade, que volvemos afirmar hoxe, noutro Día de Galicia no que reivindicamos non só a nosa identidade, cultura e forma de ser, senón tamén a potencialidade do país atlántico, moderno e ambicioso que somos e podemos ser aínda máis.
Desde A Coruña pensamos este 25 de Xullo como un día de romería a campo aberto pero tamén de celebración nun local de barrio. A Galicia de 2026 ten moitas caras, e a urbana, pola súa importancia, debe situarse no espazo que lle corresponde. Sabemos moito diso nesta cidade, onde a galeguidade sempre foi concibida tamén como pulmón de progreso, de horizontes abertos.
A Coruña é hoxe o principal motor económico de Galicia. Somos unha urbe de primeira, en crecemento. Na próxima década, a nosa Área pode converterse na máis poboada da Comunidade, unha Gran Coruña de medio millón de habitantes disposta a liderar o país en chave de prosperidade e benestar. Polo Concello da Coruña non vai quedar que se dean os pasos adiante necesarios para aproveitar tanta potencialidade. É o futuro de Galicia o que está en xogo. E unha vez máis, esta cidade se ofrece a liderar en común.
Hai 120 anos, aquí se fundou unha ferramenta de país tan relevante como a Real Academia Galega. Tamén outra como o Real Club Deportivo da Coruña. Hai símbolos que explican unha historia mellor ca moitas palabras. A bandeira branca e azul que un día guiou os barcos da Coruña acabou formando parte do símbolo co que hoxe se identifica Galicia. E non deixa de ser significativo que a bandeira galega ondease por primeira vez nun edificio institucional precisamente no Palacio Municipal, en María Pita. Dúas imaxes que falan dunha cidade que nunca deixou de facer Galicia desde a súa propia identidade.
Que este 25 de xullo celebremos con orgullo o moito que compartimos como galegos e galegas, e tamén a inmensa capacidade que ten A Coruña para seguir facendo Galicia.
Galicia latexa na Coruña. E así seguirá sendo.
Inés Rey García
Alcaldesa da Coruña

24 de xullo de 2026

24 de xullo de 2026

23 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible