7 de xullo de 2017
A edil de Participación deu a coñecer o quinto número da Revista Coruña Mutante, que recolle as iniciativas municipais de lecer e de carácter gratuíto destinadas á xuventude para este verán
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou este venres o Festival de Cultura Urbana: Sinte o flow, que organiza a área municipal de Mocidade en colaboración coa asociación cultural Vella Escola e que se celebrará na praza dos Mariñeiros o vindeiro 21 de xullo. A iniciativa, segundo explicou a responsable municipal, suporá unha xornada de obradoiros participativos dirixidos á xuventude e mostras ou exhibicións abertas para a veciñanza de todas as idades que queira participar. "A idea é xerar un espazo de relación onde os mozos e as mozas con curiosidade pola cultura urbana poidan compartir experiencias e coñecer distintas actividades alternativas coa mesma, que abranguen desde manifestacións artísticas e deportivas, facendo partícipe ao barrio e ás persoas de todas as idades que se acheguen a este espazo aberto de cultura urbana participada". O obxectivo, apunta Delso, pasa por facilitar a participación activa en experiencias de educación non formal, vinculadas á cultura urbana, que favorezan a convivencia e a inclusión social.
O programa de actividades inclúe, de 18.00 a 21.00 horas, unha 'jam' de danzas urbanas, cun campionato de estilos por parellas, ou 'all style battle 2vs2', onde cabe desde o hip-hop e o break, o funky, ou boogaloo, que se completará cun obradoiro de iniciación ao breakdace. Tamén haberá un skatepark móbil e un obradoiro de skateboard e outro de parkour (de 12.00 a 13.00 horas) e unha quedada para facer parkour nun parkourpark móbil (16.00 horas), que se montará e acondicionará e ou taller desta disciplina urbana. Igualmente, as e os participantes poderán achegarse ao turntablism (de 13.00 a 14.00 horas), unha disciplina practicada polos DJ de hip-hop similar ao scratch para crear efectos de son movendo o prato do tocadiscos, ou ao beatbox. O programa inclúe tamén unha exhibición de cellograffiti (de 12.00 a 16.00 horas), unha modalidade de arte urbano que consiste na realización de pinturas murais temáticas pintadas a spray sobre un soporte de plástico film, "para que logo se poida cortar e retirar a outro espazo", segundo detallou Julio Portela, membro de Vella Escola, e que acompañou á concelleira na presentación. O Back to the roots show (21.00 horas), pola súa banda, ofrecerá un show de breakdance que mezcla baile coreográfico con improvisación e acrobacias e, por último a exhibición de flat land (16.00 horas e 18.00 horas) amosará a pericia acrobática dos e das participantes sobre unha bicicleta BMX.
Durante a presentación, a concelleira de Participación deu conta tamén do quinto número da Revista Coruña Mutante, unha publicación de carácter cuadrimestral posta en marcha pola súa área o pasado ano co obxectivo de dar coñecer a oferta municipal de ocio para a mocidade, "unha canle que se consolida como ferramenta para achegar ás mozas e mozos os recursos municipais que están a súa disposición". A revista ofrece contidos de carácter xeral da cidade de utilidade e serve, tamén, como espazo de difusión das actividades do programa de ocio xuvenil Nocturnia, que contará con iniciativas nos meses de xullo e setembro.
Neste número, Coruña Mutante recolle actividades gratuítas relacionadas co ámbito cultural e deportivo que terán lugar nos próximos meses, como o Festival Noroeste Estrella Galicia e o Festival Mar de Mares, pero tamén propostas en relación coa natureza abertas a todos os públicos, como as andainas no Sendeiro Atlántico, recentemente recoñecido como Senda Azul, ou o programa de visitas guiadas ao Monte de San Pedro e a Contorna da Torre de Hércules que teñen lugar todos os venres pola tarde. A revista, tal e como recordou Delso, estará á disposición da veciñanza na rede de Bibliotecas Municipais, Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), Centros Cívicos, Ágora, Fórum Metropolitano, Museos Científicos e outros equipamentos públicos, ademais da web www.coruna.gal/participacion.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible