2 de outubro de 2018
A concelleira de Participación confía en que o xulgado desbote a acusación de prevaricación realizada polo Partido Popular “do mesmo xeito que o Ministerio Fiscal desbotou xa a posibilidade de que existan indicios de malversación ou de delitos contra a administración de xustiza na adxudicación da xestión dos usos do antigo penal”
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, compareceu este martes ante a prensa logo de que no día de onte o Concello tivese coñecemento, unicamente a través da prensa, de que a Fiscalía Provincial da Coruña, a partir dunha denuncia do PP, acababa de presentar, pola súa vez, unha denuncia no xulgado ao estimar indicios de prevaricación na adxudicación da cesión do uso do antigo cárcere da Torre ao colectivo sen ánimo de lucro Proxecto Cárcere mediante un concurso público. A responsable municipal reiterou a súa disposición e vontade, así como a de todo o goberno local, a colaborar coa Xustiza para esclarecer canto antes todas as dúbidas que poidan xurdir "en torno a un procedemento que tiña como obxectivo único recuperar para a cidade da Coruña unha infraestrutura tan importante e tan simbólica como o antigo penal da Torre".
A edil puxo de relevo "a falla de información" sobre a denuncia que a administración coruñesa ten a día de hoxe. "Non hai nada que ocultar, polo que a colaboración coa xustiza é e será total. Non obstante, hai que subliñar que, neste momento, o Concello apenas ten información sobre este proceso. O único documento do que temos coñecemento é un replicado por algún medio de comunicación: un escrito no que o fiscal dá orde de presentar unha denuncia e no que dá traslado dos argumentos esgrimidos polo Partido Popular para que un xulgado os investigue", comentou Delso. "Ante a falla de información, só cabe a cautela pola nosa parte, xa que descoñecemos a persoa ou persoas que a Fiscalía denuncia, os feitos que denuncia e as dilixencias previas que propón ao xulgado", dixo.
"En calquera caso, a denuncia do PP que a Fiscalía traslada ao xulgado para que investigue é só a enésima intención deste grupo político de bloquear calquera acción innovadora deste goberno, calquera posibilidade de que a cidadanía participe na toma de decisións. A denuncia do Partido Popular tan só é unha fuxida cara adiante de quen non quere que as cousas cambien, dos que non entenden outra forma de gobernar que non sexa mediante o control partidista do público", reflexionou a concelleira. "Esta non é a primeira vez, nin, lamentablemente, cremos que sexa a última, na que o PP trate de atacar as liñas políticas dun goberno local que está a traballar para facer desta unha cidade onde exista maior participación e maior xustiza social. Pero non imos permitir que nos obriguen a desandar o camiño, nin a abandonar os avances democráticas e de participación conseguidos neste mandato", insistiu.
Na súa comparecencia ante os medios, a titular de Participación quixo deixar clara a súa "tranquilidade" ante o procedemento, "tendo en conta que este goberno o puxo en marcha coa intención de transformar un espazo que foi sinónimo de represión, nun lugar de futuro e participación". "Non entendemos os ataques que dende o principio o PP lanzou contra a apertura do cárcere, entendemos que mentres nós criamos que era necesario dar resposta a unha demanda de toda a cidadanía, outros só vían como se perdía unha oportunidade especulativa", comentou.
Non obstante, e a respecto da denuncia inicial do Partido Popular na que se basea a Fiscalía, Delso recordou que o propio Ministerio Fiscal "desbotou xa dúas das tres acusacións realizadas polo grupo popular xa que non atopa indicios de malversación, nin de delitos contra a administración de xustiza". "Agora o que esperamos é que o xulgado faga o mesmo coa terceira das acusacións, a de prevaricación, nun procedemento administrativo no que as entidades concorrentes non tiñan ánimo de lucro", apuntou.
Por último, na súa comparecencia, a responsable municipal recordou que a decisión do goberno local de poñer en marcha un concurso público para adxudicar a cesión de usos de espazos do antigo cárcere provincial e desenvolver nos mesmos proxectos de dinamización cultural e sociocultural "pensouse, precisamente, para favorecer a concorrencia e a participación das entidades sen ánimo de lucro que así o quixesen". "Non optamos por un convenio nominativo con unha entidade, apostamos por un concurso público cunha fórmula que posibilitaba tamén a xestión de usos compartida entre varias entidades, xa que o que sempre pretendemos foi que a apertura ao público fose o máis participada posible", dixo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible