Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de febreiro de 2024

Comeza a terceira e última fase da rehabilitación da Casa Veeduría, que permitirá ampliar o centro cívico da Cidade Vella e crear un centro de día no barrio

A alcaldesa, Inés Rey, o concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, visitaron esta mañá o inmoble, onde avanza a restauración das carpintarías de madeira

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá as obras de rehabilitación da Casa Veeduría, onde o Concello afronta xa a terceira e última fase de traballos para restaurar un inmoble de alto valor patrimonial para a cidade, construído no século XVIII e reformado en profundidade nos primeiros anos do século XX.

A remodelación da Casa Veeduría, que comezou no treito final do pasado mandato, permitirá ampliar as instalacións do centro cívico da Cidade Vella e tamén facilitará a creación dun centro de día, unha sala de estudos, un auditorio, unha sala de exposicións e unha zona de xogos para a mocidade.

Nas futuras dependencias do inmoble resérvase, ademais, un espazo que acollerá un viveiro de empresas e tamén se habilitará unha Oficina Municipal de Rehabilitación.

"A revitalización do barrio pasa por iniciativas coma esta, coa que recuperamos espazos históricos da Cidade Vella e abrimos as súas portas á cidadanía", incidiu hoxe Inés Rey. Para completar esta intervención, que se prevé rematar este mesmo ano, o Goberno municipal levará a cabo un investimento de máis de 2,8 millóns de euros.

A nova escaleira institucional da Casa Veeduría, xa montada

A rexedora, acompañada hoxe polo concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, recapitulou en primeira instancia os traballos que se abordaron na primeira e segunda fase do proxecto. 

"No treito inicial das obras, os traballos centráronse na demolición e desmonte interior, quizais o menos agradecido a nivel visual. Xa na segunda fase, que comezou a mediados de febreiro de 2023, iniciouse a implantación das instalacións eléctricas, ventilación e calefaccións, traballos previos á reconstrución interior en si", explicou.

Agora, as obras de rehabilitación da Casa Veeduría entran na terceira fase, a definitiva e previa a reapertura do inmoble como novo equipamento público. "Xa se remataron os traballos de instalación necesarios, asociados aos servizos de saneamento, abastecemento, electricidade, climatización e datos. Ademais, xa se executou o chan de madeira do segundo andar e, por outra banda, xa está montada a nova escaleira, na que restan por instalar os chanzos de terrazo", detallou a alcaldesa.

Segundo o proxectado, a escaleira institucional recuperará o seu formato orixinal, conectando a planta baixa e o primeiro andar, suprimíndose o treito ao segundo andar. Para chegar ao segundo andar estase a remodelar a escaleira de servicio da Casa Veeduría, que anteriormente comunicaba unicamente a planta baixa e o soto. "Agora comunicará o soto, a planta baixa, o primeiro andar e o segundo", apuntou esta mañá Francisco Díaz Gallego.

En paralelo, avanzan a execución da restauración das carpintarías de madeira, a tabicaría interior e tamén a instalación do chan de terrazo do soto. "Imos paso a paso para acadar o obxectivo marcado desde o inicio: restaurar e aproveitar o máximo posible a configuración orixinal do edificio para a posta en valor dos elementos xa existentes e, á vez, modernizar o inmoble para gañar novas dependencias e instalacións municipais que serán de máxima utilidade para as veciñas e veciños", indicou a rexedora.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión