Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de agosto de 2020

Coruña camiña

O Concello desenvolve o Día Mundial do/da Peón/Peoa coa recuperación de espazos para as persoas e cunha reflexión sobre a necesidade de coidar o medio apostando por unha mobilidade sustentable

O Concello conmemora mañá o Día Mundial do/da Peón/Peoa e faino avanzando no deseño e desenvolvemento dunha cidade pensada para camiñar, que gaña espazos urbanos de calidade para a veciñanza. Unha cidade que vai a pé e que aposta por unha mobilidade sustentable.

O proxecto do Goberno local, dentro do plan denominado Coruña Camiña, suporá sumar máis de 61.000 metros cadrados de espazo peonil, o que representa 2 veces a superficie do parque de Vioño, e facelo en lugares onde antes o protagonismo tíñano os vehículos. Deles, 44.000 metros cadrados xa son unha realidade para as persoas viandantes.

A pandemia activou moitas actuacións que xa estaban previstas. A obriga de ter que manter a distancia social durante a desescalada levou o concello a acometer moitas peonalizacións que agora se consolidaron e, ao mesmo tempo, a axilizar a implantación doutras previstas no programa de goberno.

Paso a paso, o Goberno local recuperou espazos para as persoas: no Paseo Marítimo, entre o dique de abrigo e o Millennium, 19.110 m²; tamén no Paseo Marítimo, entre a rotonda da travesía dos Rosales e O Portiño, 16.059 m²; e na Mariña-Cantóns recuperáronse para uso peonil un total de 1.955 m² (ao habilitar un carril de circulación para o uso das e dos camiñantes).

Ademais, xa se peonalizaron de maneira provisional as rúas de Alcalde Marchesi, Puga e Parga, Compostela, Monte das Moas e Emilia Pardo Bazán. O concello non descarta que esta medida sexa definitiva, logo de analizar os resultados. Até se lle poderían sumar máis rúas.

Nesta liña, o plan Coruña Camiña recolle distintas actuacións, como a remodelación  da rúa Santo Andrés. O proxecto, que está previsto que se licite nos próximos meses e que transformará a rúa nunha vía con árbores, executarase durante o 2022 coa instalación da plataforma única.

Outra das obras de futuro é a reforma definitiva dos Cantóns, en que se recuperarán 11.000 m² para seren utilizados pola cidadanía. Nesta actuación, peonalizaranse as rúas Compostela, rúa Nova, Entrexardíns e o treito final de Santa Catalina para crear espazos accesibles para todas/os. Este proxecto suporá a transformación total do centro da cidade, onde as persoas volverán a ser as protagonistas absolutas. O Goberno local ten previsto licitar este ano as obras de peonalización da rúa Compostela e a súa intención é poderlles dar luz verde ao resto das actuacións en 2021, para as rematar neste mandato e que a circulación pola calzada nos Cantóns e na Mariña quede restrinxida ao transporte público, bicicletas, residentes, carga e descarga e de servizos.

Nun futuro inmediato, tamén se contará coa rolda Peonil, unha actuación que xa está en marcha en distintas fases de execución e que conectará o barrio da Agra e dos Mallos con Catro Camiños e San Diego. En total, será preto dun Km de vía, que servirá para comunicar rúas xa peonís como Ángel Senra,  A Gaiteira ou a rúa Barcelona, até completar os 3,5 Km que unen San Diego e a Agra do Orzán. 

O compromiso da cidade coa mobilidade sustentable vese reflectido nas obras mais tamén nas políticas. De feito, A Coruña adheriuse recentemente á Red de Ciudades que Caminan. E os datos aválano: aproximadamente o 50% dos desprazamentos que se producen na cidade son a pé.

Nesta liña, o Concello está comprometido e seguirá desenvolvendo medidas encamiñadas a favoreceren os espazos públicos para o desfrute das persoas e co ánimo de celebrar todos os días do ano o Día do/da Peón/Peoa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión