2 de abril de 2015
O Maratón Atlántica, que se disputará o próximo 19 de abril, ofreceralles aos seus corredores a experiencia de nove atletas de primeiro nivel, no que repiten José Antonio Requejo, José Pallarés, Javier Lozano, Juan Antonio Ballesteros e Francisco Molina, todos eles encomiados no seu labor polos participantes do 2014. Coas novas incorporacións a suma de medallas en campionatos europeos e nacionais de ultrafondo supera a decena, ademais de integrar por primeira vez unha muller, a plusmarquista nacional Cristina González. Os tempos das lebres irán dende 2h45, pasando polas 3h, 3h15, 3h30, 3h45 e ata as 4 horas.
#Coruña42 continúa desvelando os servizos que ofrecerá aos seus máis de 1000 corredores xa confirmados para a súa cuarta edición, que subirá o pano o próximo 19 de abril. Co obxectivo de lles brindar aos seus participantes as maiores facilidades, o Maratón Atlántica presenta as nove lebres que marcarán diferentes ritmos obxectivo.
Trátase de atletas de primeiro nivel, moitos deles procedentes do ultrafondo, e entre os que se atopará este ano como novidade unha atleta feminina. Os nomes dos elixidos e os seus tempos son os seguintes:
José Antonio Requejo, que repetirá experiencia tras ser lebre nas dúas pasadas edicións, marcará o ritmo de 2h45. Medalla de ouro por equipos con España no 2013 no Campionato de Europa de Belvés, foi bronce no Mundial de 100 quilómetros disputado o ano pasado en Doha (Qatar), confirmando con esta presea a súa entrada no Olimpo dos grandes medallistas españois da historia desta competición.
Javier Lozano Velasco impoñerá un ritmo de 3h00, coa experiencia do ano pasado na que cruzou a meta cos seus seguidores en 2h59:36, boa mostra da súa fiabilidade. Cristina González tamén correrá para levar á meta os seus corredores en 3h15. Esta galega, plusmarquista nacional, competiu tamén no Mundial de Doha, e converteuse na primeira española en facelo, e avalada polos seus catro campionatos nacionais da distancia. Moitos esperan dela que sexa a primeira muller española en baixar das 8 horas no 100 km.
Ludisvindo Romero e Eduardo Gómez correrán entre a pinza das 3h e 3h30. Ludisvindo, atleta internacional, foi compañeiro en Doha de José Antonio Requejo, e é o actual campión de España de 100 quilómetros en ruta cun rexistro de 7h.46.20. Pola súa banda, Eduardo Gómez proclamouse no 2014 campión na categoría Máster do Campionato de España de 100km por segundo ano consecutivo. Este ultrafondista, con máis de 30 anos de experiencia en carreira a pé, competiu en multitude de probas, tanto en maratóns como ultrafondo.
Francisco J. Ruiz Molina, que xa levou un dos globos no 2014, regresa ao Maratón Atlántica para guiar os corredores cun crono de 3h30. Este psicólogo e coach tamén participará, coma na pasada edición, nas conferencias que se realizarán na Exporunning.
José Pallarés e Juan Antonio Ballesteros, primeiro e segundo respectivamente no Campionato de España de 100 Km do 2013 repetirán a experiencia como lebres nas 3h:45 e 4h:00, volvendo ofrecer o seu ritmo matemático a quen o desexe.
O veterano atleta salmantino José Carlos Delgado incorpórase ao grupo e achegará a súa experiencia neste tipo de carreiras. En definitiva, un total de nove corredores que forman un cartel de lebres de auténtico luxo para as persoas participantes que tomarán a saída o próximo 19 de abril en #Coruña42.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible