2 de maio de 2017
José Manuel Sande sinala que a licitación da obra de rehabilitación do antigo cárcere “está a espera da aprobación definitiva dos Orzamentos”
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou esta mañá un novo proxecto dos 17 que forman parte da primeira convocatoria de Cultura de Barrio, o programa municipal de apoio a entidades e colectivos culturais. O cárcere á rúa, que así se chama a iniciativa, é unha proposta da entidade Proxecto Cárcere que se desenvolverá a través de dúas actividades. A primeira delas, O paseo de Jane, será un roteiro polo barrio de Monte Alto que terá lugar o próximo sábado, 13 de maio, desde as 11.00 horas da mañá, para dar a coñecer á cidadanía a historia do barrio. "A proposta deste colectivo encaixa perfectamente co interese deste Goberno de promover espazos culturais de activación comunitaria, e poñer en valor a proximidade, nesta liña na que traballamos a través de Coruña Próxima, ademais de axudar á descentralización da propia programación municipal", destacou o edil.
O titular de Culturas explicou que esta primeira proposta de Proxecto Cárcere, "unha entidade sociocultural perfectamente integrada na cidade e que defende o uso veciñal dun espazo co que, ata hai pouco, non se podía contar", ten como referencia os Jane's Walks canadienses, uns paseos que se celebran desde hai 10 anos co obxectivo de celebrar a figura da activista Jane Jacobs, quen defendía que a veciñanza dun lugar "é quen mellor o coñece". "A idea que presentamos hoxe é que sexa as as veciñas e veciños de Monte Alto as persoas que falen, a través dun roteiro, do do seu barrio, para poñer en valor ese alto grado de coñecemento que teñen do seu territorio", sinalou Sande.
O edil estivo acompañado na rolda por membros do colectivo, Carmen Cotelo e Mar Vaamonde, quen cualificou o paseo "como un roteiro diferente". "O paseo de Jane será un punto de encontro para que a veciñanza fale das súas lembranzas, de lugares e persoas, e que conten a súa propia historia", afirmou Vaamonde, quen sinalou que o paseo, aberto a toda a cidadanía, "está pensado para que a xente que veña tamén poida participar nel e compartir, coas e cos demais asistentes, o seu coñecemento". O paseo de Jane comezará ás 11.00 horas da mañá no Campo de Marte, e finalizará xunto ao propio cárcere cun xantar comunitario, aberto ás e aos asistentes do roteiro e a todas as persoas que se acheguen. O grupo percorrerá espazos como a praza das Atochas, onde coñecerá "o seu pasado libertario", sinalou Cotelo, pero tamén coñecerá as casas dos obreiros, ou o pasado como fábrica de armas do centro Curros Enríquez". Tamén haberá ocasión para falar de labranza na zona, a través das novas hortas comunitarias e educativas impulsadas polo Goberno local no Parque Carlos Casares.
No seu inicio, o roteiro contará coa colaboración da agrupación de música tradicional Son D'aquí, que acompañará ao grupo no primeiro tramo do paseo --até a praza Coro Cántigas da Terra--, e no último antes de finalizar a xornada --desde as horas comunitarias á entrada do Cárcere--. A partir das 14.00 horas, Gonçalo Guerreiro e banda --Richi Casás co saxo e trompeta, Rosalía Vázquez co violonchelo e Antonio Romero co contrabaixo-- amenizarán o xantar comunitario xunto ao edificio durante unha hora e media e, a continuación, a asociación cultural 8hz pinchará electroswing.
A segunda parte da actividade do proxecto O Cárcere á rúa será un encontro con colectivos e axentes vinculados a estes centros ao longo do Estado, co obxectivo de levar a cabo "unha reflexión sobre o seu papel como axentes culturais e sociais, cales son os éxitos e fracasos e a relación coas comunidades nas que se insiren", explicou Carmen Cotelo. As datas desta xornada avanzaranse nas próximas semanas.
Preguntado polos medios de comunicación, o concelleiro de Culturas destacou que as obras de rehabilitación do artigo cárcere poderán licitarse "en canto os Orzamentos Municipais sexan aprobados". "A licitación depende da aprobación orzamentaria", sinalou Sande, quen engadiu: "sería bo que rematase esta especie de odisea para poder traballar polo ben da cidadanía e de iniciativas socioculturais como a de Proxecto Cárcere, para acadar o desvío proveitoso de usos do que foi o cárcere". A apertura do equipamento terá lugar unha vez finalicen as obras de rehabilitación do mesmo. "Abrir o espazo, rehabilitalo e construír vida propia será unha forma de devolver dignidade á cidade, que tanto sufriu coa represión", comentou, ao fío, Carmen Cotelo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible